+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

MEIRO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O XX ENCONTRO – DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO


Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, celebra a súa vixésima edición cunha variada programación gastronómica e cultural
O lugar bueués de Meiro acolle esta fin de semana o XX Encontro – Degustación do Millo Corvo, unha festa que naceu no 1998 coa vocación de recuperar esta variedade de millo negro que se utilizaba no pasado e que se foi perdendo co paso do tempo. Por iso, dende a Asociación Cultural Meiro tomaron a iniciativa e a día de hoxe conseguiron que este encontro gastronómico e cultural sexa un atractivo da terra morracense, como demostra a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Este ano, a programación comezará este venres, 6 de abril, ás 18.00 horas cunha Muiñada nos Muíños do Canudo, acompañada da actuación dos gaiteiros Árdelle o Eixo, e queimada a partir das dez da noite.
O encontro continuará ao longo da fin de semana na carpa situada na Morada, en Meiro, onde o sábado se abrirá unha Ecotaberna, con exposición e venda de produtos naturais e orgánicos a partir das 11.30 horas. Ás 12 horas, desenvolverase un roteiro medioambiental que terá como temática o coñecemento do medio e das árbores e plantas silvestres, a cargo de Gaspar Bernárdez, amigo das plantas, enxeñeiro forestal e paisaxista. Ás 14 horas actuarán os gaiteiros Seicachove, e xa pola tarde, a partir das catro, terá lugar un obradoiro de encaixe de horquilla, impartido por Fina Carrillo, da Academia Agulla e pincel, seguido doutro de elaboración de crema de caléndula e hipérico, con Siegrun Bischof, fitoterapeuta e naturópata.
Ás seis será a quenda da charla de David Álvarez, técnico en recursos naturais e membro das asociacións Drosera e Anduriña, sobre os morcegos no Morrazo. A continuación, Chema Bello, de DAGA Morrazo, explicará a problemática da vespa velutina no Morrazo, ademais de impartir un pequeno obradoiro e degustación de produtos elaborados con mel. Ás oito, os e as asistentes poderán degustar Mirabel do Rosal, Froita Galega Gourmet e outros petiscos, amais de cervexa artesá. E para rematar a xornada do sábado, o grupo vigués Virandeira Folk ofrecerá unha actuación musical.
O domingo, a Ecotaberna estará aberta tamén a partir das 11.30 horas. Xa ás 12, o historiador Xabier Castro falará sobre Álvaro Cunqueiro e a súa relación co millo e coa cultura do viño, momento no que tamén se poderá degustar Adega Leive, con Manuel Docampo, de Adegas Aurea Lux.
Ás 13 horas terá lugar un obradoiro de elaboración de zume verde de plantas silvestres, con Siegrun Bischof, seguido de actuación do grupo de pandereteiras Novas Amistades de Nespereira. A partir das catro celebrarase o Convivium Galicia Litoral – Xantar de Vagar Slow Food, con obradoiro de cociña de produtos da Arca do Gusto, coa colaboración de Campo Capela S.C.G. Xa ás cinco, os visitantes poderán participar nun obradoiro de lácteos moi especial, relacionado con iogur, queixo fresco e torta de queixo de cabra con millo corvo, coa colaboración de A. Meixoeira S. Coop Galega. Media hora despois organízase outro taller de fiado e tinguido de lá, e ás seis a charla “y se hizo la luz: el maíz como eje de la cultura mesoamericana”, coa antropóloga social Gabriela Gutiérrez Espinosa, onde tamén se farán tortitas mexicanas. E para culminar a xornada, ás 19 horas, actuará o grupo de folk de Mondariz Pé de Pote.

Deja un comentario