+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONVOCA O CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS ‘NOVOS VALORES’ 2018


As obras a concurso poderán ser entregadas entre os días 5 e 15 de xuño no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Este certame contempla 30.000 euros en concepto de premios para ampliar estudos artísticos
Veñen de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases que regulan o Certame de Artes Plásticas ‘Novos Valores’ para a edición 2018. Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, este certame contempla como premio a adxudicación de catro bolsas por importe de 7.500 euros cada unha para ampliar os estudos artísticos das persoas que resulten gañadoras do certame. Hai que lembrar que a fórmula das bolsas de estudos artísticas se establecera fai dous anos para recuperar a filosofía dos antigos ‘pensionados’ da Deputación.
Como complemento a este premio, a Deputación tamén se compromete a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, no ano seguinte á finalización da bolsa, unha exposición colectiva con obras das catro persoas premiadas. Neste sentido, hai que lembrar que neste ano 2018, está previsto que entre o 21 de xuño e o 22 de xullo o claustro do Edificio Sarmiento acolla a mostra coas obras resultantes das estadías de estudos dos e das gañadoras da pasada edición: Yolanda Ríos Coello, Malú Feijóo Cid, Aitor Víctor Fernández Marcos, e Borja Guerrero Parapar.
A concesión da bolsa establecerase mediante un convenio entre a persoa gañadora e o ente provincial, concretando o emprego da mesma e o prazo, que non será superior a un ano. Ademais de cursar a citada ampliación de estudos artísticos, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria xustificativa e unha obra orixinal e asinada.
Participantes e prazos
Neste certame poderán participar todos e todas as artistas, sen límite de idade, susceptibles de seren considerados novos valores e de diferentes disciplinas artísticas tales como pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación.
Deben presentar obras orixinais e non se admitirán as que xa fosen expostas noutras mostras, tanto individuais como colectivas, ou que figurasen noutros certames. Aceptarase unha obra por artista en cada disciplina e o seu peso non poderá superar os 500 quilos nin os 2 metros. No caso de obras audiovisuais, non deben exceder os 5 minutos.
As obras deberán ser entregadas no Sexto Edificio entre os días 5 e 15 de xuño, ambos incluídos, de luns a venres e en horario de 9:00 a 14:00 horas. As obras presentadas serán obxecto, ademais, dunha primeira selección coa que se conformará a mostra Novos Valores 2018, que estará aberta ao público no Museo de Pontevedra entre o 2 de agosto e o 16 de setembro.

Deja un comentario