+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

A XII FEIRA DE CUSPEDRIÑOS ABRE A SOLICITUDE DOS 60 POSTOS DO ANTIGO MERCADO, OS PENDELLOS E A CARBALLEIRAO


 Os interesados deberán presentar a súa petición no Concello, que xa traballa na programación con música, baile, xogos e ambientación

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de abrir o prazo de solicitude dos
60 postos oficiais da XII Feira de Cuspedriños, que se emprazarán no antigo mercado e a súa parte traseira, os pendellos e a carballeira. As persoas interesadas deberán cursar a súa petición no Concello, que realiza certas esixencias para participar, como a ambientación e vestimentas propios dos mercados tradicionais dos anos cincuenta, a rotulación dos carteis en galego ou a apertura alomenos de 10.00 a 19.00 horas na xornada festiva do domingo 3 de xuño.

O Concello ofrece, cando quedan dous meses para o certame, un total de 60 postos oficiais distribuídos en cinco zonas da aldea. Tres correspóndense coas mesas de pedra do mercado, do exterior deste recinto e dos pendellos e as dúas restantes coa parte superior e inferior da carballeira. Nembargantes, e como é habitual, o Concello podería ampliar despois a concesión de postos, pero xa fóra destes espazos centrais, segundo a demanda existente.

Os postos ofertados, que figuran nos impresos de solicitude colgados na web municipal, oscilan entre os 2 e os 3 metros e oriéntanse á venda de artesanía, roupa, comida ou outro tipo de trebellos.

A XII Feira de Cuspedriños volverá contar con numerosas actividades coas que se pretende recrear o ambiente dos poderosos mercados que se celebraban na zona a mediados do século vinte, ao tempo que homenaxea o pasado do municipio. Así, a programación, que aínda se está a perfilar e que se coñecerá nas vindeiras semanas, contará con actividades músicais e de baile e ambientacións propias de antano, como os cantos de cego, o afiador ou xogos populares, entre outros.

O Concello, que agarda cando menos repetir o éxito das dúas últimas edicións, nas que se bateron récords de asistencia cunhas 4.000 persoas, xa está a traballar na organización desta feira, que informa de todas as súas novidades a través do seu perfil oficial en Facebook ao que se pode acceder a través da dirección www.facebook.com/feiradecuspedrinos.

Deja un comentario