+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBA MAÑÁ O PROXECTO DEFINITIVO DA GLORIETA DA BREA EN MARÍN


A actuación pretende regular o tráfico da intersección entre as estradas provinciais Marín-Penizas e Seixo-Santo Tomé

O Pleno da Corporación da Deputación aprobará mañá o proxecto definitivo para a ‘Mellora da seguridade viaria na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín)’, así como a relación final de bens e dereitos afectados, co fin de construír unha nova glorieta no lugar da Brea.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, este proxecto pretende aumentar a seguranza viaria na confluencia de dúas estradas provinciais, nunha zona de conexión coa variante de Marín na que se une o tráfico que vai tanto ao núcleo de Marín e á zona de Seixo, como ás praias do concello, e que se incrementa na temporada estival de xeito importante. A proposta de actuación chega despois dunha solicitude do Concello e do estudo por parte dos técnicos provinciais do problema de seguranza viaria na zona.

Inicialmente o deseño da glorieta era máis amplo, tal e como solicitara o goberno local, quen intentou modificar o seu PXOM para encaixar a construción. Finalmente, tras un ano de estudos, e dadas as complicacións burocráticas que isto supoñía, o concello decidiu desistir da modificación do planeamento e solicitou ao departamento de Mobilidade unha modificación do proxecto para adaptalo ao ordenamento vixente. Isto supón, na práctica, unha redución das dimensións da glorieta e un lixeiro desprazamento que apenas afecta no número de metros cadrados dos terreos que se expropian.

Coa aprobación no Pleno de mañá, na que se ratificará a declaración de urxente ocupación dos bens e terreos afectados e se resolverán as alegacións presentadas, dáse vía libre para a licitación do proxecto. Así, o departamento de Contratación provincial publicará o correspondente expediente para recepción de ofertas, o seu análise por parte dos técnicos e a súa adxudicación.

Deja un comentario