+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A COMPOSTAXE E O PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN, PROTAGONISTAS NA ‘SEMANA DA CIENCIA’ DO COLEXIO MARCOTE CEMAR DE MONDARIZ BALNEARIO


Uns 120 rapaces e rapazas de Infantil, Primaria e ESO están a realizar obradoiros, xogos e visitas ao centro de compostaxe comunitaria instalado no concello

A compostaxe e o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra están a protagonizar a ‘Semana da Ciencia’ organizada polo Colexio Internacional Marcote Cemar de Mondariz Balneario. Dende o martes e ata mañá venres uns 120 alumnos e alumnas do centro escolar están a realizar obradoiros, xogos, charlas e visitas ao centro de compostaxe comunitaria (CCC) instalado na rúa Ramón Peinador, a escasos metros da escola, para coñecer da necesidade de xestionar os residuos de modo sustentable e como é o proceso de tratamento do lixo orgánico a través da compostaxe.

As charlas-coloquio cos rapaces e rapazas, sempre adaptadas ao seu nivel e idade, centráronse en explicar as tipoloxías e volume do lixo doméstico e a súa xestión e tratamento, centrándose fundamentalmente no proceso de compostaxe da parte orgánica, que supón un 53% da bolsa dos residuos, segundo indicaron os representantes técnicos remitidos pola Deputación. Ademais das xornadas explicativas, o alumnado tamén ten á súa disposición unha exposición itinerante de nove paneis instalada no centro, na que pode afondar nos coñecementos sobre compostaxe, as fases do proceso e cales son os parámetros que se deben controlar para obter un bo compost final.

Para os máis pequenos e pequenas realizáronse obradoiros co xa coñecido e solicitado ‘Xogo da miñoca’, que permite aprender de maneira lúdica e interactiva cuestións como que se pode botar nos composteiros ou trucos para mellorar a calidade do compost. Para os maiores do centro (hoxe foi a quenda de 46 alumnos de 3º e 4º da ESO) organizáronse obradoiros titulados ‘Quen vive aí?’, nos que puideron identificar con microscopios e outro material de aumento os bichos e invertebrados que están presentes no composteiro e que axudan no proceso da compostaxe.

Os escolares tamén coñeceron como é o funcionamento dun centro de compostaxe comunitaria de primeira man. No día de onte e tamén hoxe visitaron o CCC instalado na rúa Ramón Peinador, onde os mestres e mestras encargados da súa xestión explicaron o traballo que realizan: o seu manexo e o necesario rexistro de parámetros científicos para obter compost da máxima calidade (proporción de lixo e estruturante a misturar, temperatura, realización de gráficas), así como a maneira en que resolven calquera incidencia que se presenta.

Estas actividades organizadas pola Deputación nos centros educativos da provincia están realizadas por persoal de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) grazas a un convenio de colaboración que pretende concienciar á comunidade escolar (docentes e alumnado) da necesidade de acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso para a redución do lixo e o uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria para a xestión dos residuos, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50% do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custes de tratamento e recollida, e 27 os que xa teñen instalados centros de compostaxe comunitaria.

Deja un comentario