+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

FEIJÓO SALIENTA QUE A VONTADE INNOVADORA DA AUTOMOCIÓN GALEGA PERMITIU AO SECTOR POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO INCREMENTAR AS VENDAS, O EMPREGO E OS INVESTIMENTOS


Precisa que en 2017 o sector facturou case 8.700 millóns; creou 950 novos empregos, chegando aos 20.800 traballadores directos; e bateu o seu récord histórico en exportacións
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou  que a vontade innovadora da automoción galega permitiu ao sector, por terceiro ano consecutivo, incrementar as vendas, o emprego e os investimentos.

Nesta liña, e durante a clausura da Asemblea do Clúster de Empresas da Automoción de Galicia 2018, Feijóo precisou que en 2017 o sector facturou case 8.700 millóns de euros, un 4,3% máis que en 2016; creou 950 novos empregos, chegando aos 20.800 traballadores directos; e bateu o seu récord histórico en exportacións, cun incremento do 21,6%, polo que xa representan o 32% do total exportado por Galicia.

“Estamos a falar dun sector que é a punta de lanza da industria galega”, dixo, referíndose tamén aos datos de Ceaga que indican que as empresas de compoñentes levan investido case 250 millóns de euros para conseguir un maior valor engadido e prepararse, tanto para dar resposta ás exixencias técnicas dos novos lanzamentos de PSA Vigo, como para adaptarse ao proceso de transformación dixital propia da Industria 4.0.

Sobre este punto, o presidente da Xunta animou as empresas do sector a seguir por este camiño. Non en van, Vigo e a súa contorna é, neste momento, un dos principais núcleos de produción de vehículos do sur de Europa.

Logo de precisar que a Industria 4.0 permite que se poida seguir dando pasos no ámbito da condución autónoma; así como seguir sendo un referente en innovación, como o demostra a aceleradora de startups Business Factory Auto e os proxectos que se desenvolven nas 10 unidades mixtas de investigación.
Así mesmo, recordou que a Industria 4.0 comporta un esforzo extra en formación. “Sabemos que hai sectores como o naval ou a automoción que xa están a demandar postos laborais especializados e por iso, son dous sectores prioritarios nas políticas de formación da Xunta”, aseverou, lembrando o investimento de máis de 6 millóns de euros para a realización de cursos para cualificar máis de 2.000 profesionais destes sectores, así como as unidades formativas.

Feijóo concluíu incidindo en que os bos resultados do sector son produto do traballo compartido, un elemento clave para avaliar os pasos que se foron dando e para trazar os que se deben dar. “A Industria 4.0 require que sigamos colaborando e traballando xuntos empresas, centros de coñecemento e Xunta para seguir sendo un sector á vangarda da innovación”, insistiu.

Deja un comentario