+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

FEIJÓO COMPROMETE DILIXENCIA PARA QUE OS 107 MILLÓNS DO PLAN DE VIVENDA SE POÑAN CANTO ANTES AO SERVIZO DOS CIDADÁNS E DA DINAMIZACIÓN DA ECONOMÍA


Subliña que esta iniciativa concederá máis de 32.000 axudas e prevé xerar un investimento de máis de 250 millóns, ademais de contribuír á creación e mantemento de case 11.000 postos de traballo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe dilixencia para que os 107 millóns de euros do Plan estatal de vivenda, cofinanciado pola Xunta, se poñan canto antes ao servizo dos cidadáns e da dinamización da economía.

Ao respecto, subliñou que esta iniciativa concederá máis de 32.000 axudas e constituirá unha chave de desenvolvemento para o sector da construción, coa previsión de xerar un investimento de máis de 250 millóns de euros, ademais de contribuír á creación e mantemento de case 11.000 postos de traballo.

“Estamos a falar, en definitiva, dunha oportunidade para avanzar cara aos obxectivos que desde a Xunta nos marcamos nunha materia social de primeira orde, como é a vivenda”, dixo, referíndose ao fomento do alugueiro, ao impulso da rehabilitación, á loita contra os desafiuzamentos e á dinamización do medio rural, con especial atención aos mozos e aos maiores.

Durante a celebración da XXIV edición do Premio Aproin 2017, organizado pola Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra, Feijóo aseverou que as construcións galardoadas son exemplos do bo facer, que acreditan que construír con calidade sempre “paga a pena”. “Paga a pena apostar por unha construción ordenada e planificada. E paga a pena que as administracións públicas fagamos da ordenación do territorio e do urbanismo unha cuestión de primeira orde”, dixo.

 

 

Nesta liña e consciente da especial dificultade que está a pasar Vigo como consecuencia da anulación xudicial do Plan xeral de ordenación municipal, a finais do ano 2015, Feijóo recordou a posta en marcha da Lei autonómica que en todo este tempo vén demostrando a súa eficacia para impulsar proxectos estratéxicos para esta cidade e a súa economía que, doutro xeito, estarían aínda bloqueados: a ampliación de Citroën; a reforma do Ifevi; ou a estación intermodal.

Feijóo incidiu en que todos eles son exemplos de actuacións de excepcional interese público que non poderían desenvolverse sen a inequívoca aposta do Goberno galego por esta gran cidade e esta gran realidade metropolitana.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego precisou que a Xunta seguirá comprometida ademais coa recuperación do Casco Vello, e co desenvolvemento da segunda fase de San Paio de Navia, coa construción de 1600 vivendas protexidas.

Deja un comentario