+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ADXUDICA A COVSA A MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL DE SAN VICENTE DE O GROVE


O servizo provincial de Mobilidade e o Concello estudan cal será o mellor cronograma para as obras ante a cercanía do verán

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar hoxe en Xunta de Goberno a adxudicación da actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-9106 dende a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente no concello de O Grove á empresa ‘Construcciones, obras y viales SA’ (COVSA). O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os técnicos do seu departamento e o Concello grovense xa están a estudar cal será o mellor cronograma para realizar as obras ante a cercanía da tempada de verán, cando a zona de San Vicente incrementa o seu número de visitantes.

Unha vez aprobada a adxudicación na XG quedan aínda algúns flecos burocráticos a solucionar antes do inicio efectivo da obra: a empresa terá que presentar toda a documentación requirida no departamento de Contratación, asinar o contrato e entregar a da acta de replantexamento. Tendo en conta estes tempos, e sabendo que o prazo de execución material do proxecto é de catro meses, a Deputación e o Concello están a valorar diferentes planificacións temporais para garantir as menores molestias para os usuarios: facer a obra por fases cun parón no verán ou comezala e executala de seguido intentando minimizar contratempos. O cronograma elixido será consensuado tamén coa concesonaria.

O proxecto na EP-9106 executarase en 900 metros lonxitudinais entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. No primeiro e no terceiro treito crearase unha senda de 2,5 metros de largo delimitada por elementos de iluminación e con rodadura diferenciada de formigón. O segundo treito (390 metros) coincide coa zona de vivendas, e habilitarase unha plataforma única para a convivencia de peóns e coches. Haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora. Como elementos de seguranza viaria instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados (‘lombos’) e dez redutores físicos de velocidade de vehículos.
Tamén ser mellorará a contorna da igrexa de San Vicente do Grove. Alí redefinirase o espazo con novos pavimentos –adoquín e pedra- delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil. Tamén se renovará a drenaxe, iluminación e xardinería, coa plantación de tres cipreses. A obra comprenderá tamén o retranqueo de muros de peches, sinalización e mobiliario urbano.

Deja un comentario