+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

O CONCELLO ACOMETE A SEGUNDA FASE DO REFORZO DA SEGURIDADE NA VÍA FENTÁNS- PRADERREI CON NOVAS MARCAS HORIZONTAIS


Na fase inicial acondicionouse o treito entre San Xurxo de Sacos e esta aldea e agora completarase esta actuación no resto da estrada

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar a segunda fase das accións de reforzo da seguridade vial na estrada que une San Xurxo de Sacos coa parroquia de Praderrei, en Campo Lameiro, pasando polo lugar de Fentáns. No marco das mesmas, vaise proceder á dotación de novas marcas de sinalización horizontal no treito entre Fentáns e o límite co municipio veciño.

Na actualidade, estanse limpando exhaustivamente as marxes desta vía municipal, de máis de dous quilómetros de lonxitude, para posteriormente, e cando a climatoloxía o permita, realizar o pintado de todo este treito tanto nos laterais como na parte central divisoria dos carrís.

Cómpre lembrar que o Concello xa realizou esta mesma actuación no treito entre San Xurxo de Sacos e a ponte de Fentáns, mellorando as condicións de seguridade vial, especialmente en circunstancias de pouca visibilidade. Agora, e tras a recente mellora da capa de rodadura do segundo treito, entre Fentáns e o límite con Praderrei, vaise completar a actuación coa mencionada sinalización de marcas horizontais.

O presidente municipal, Jorge Cubela, quixo salientar a importancia desta obra “para conferir un óptimo estado a esta pista de conexión intermunicipal” e destacou que as infraestruturas internas e de enlace da aldea de Fentáns e a súa contorna suman máis de 230.000 euros de investimentos na presente lexislatura municipal, unha circunstancia que achacou “ao noso compromiso cos espazos máis periféricos do concello a prol do reequilibrio territorial interno e tamén á gran importancia das estradas desta zona para a mobilidade interior e de conexión co municipio de Campo Lameiro”.

Deja un comentario