+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

O LABOR INSPECTOR DE AUGAS DE GALICIA PERMITE ELIMINAR DOUS PUNTOS DE VERTIDO POR AUGAS FECAIS NOS CONCELLOS DE MOAÑA E REDONDELA


Nos dous casos os aportes contaminantes detectados estaban afectando ao dominio público marítimo terrestre
O labor inspector de Augas de Galicia permitiu eliminar recentemente dous puntos de vertido por augas residuais nos concellos pontevedreses de Moaña e Redondela. En ambos casos os aportes contaminantes acabaron chegando ao dominio público marítimo-terrestre.

No caso de Moaña, a orixe dos vertidos era unha rede de pluviais municipal no lugar de Reibón á que se estaba derivando unha acometida irregular de augas fecais. Unha vez detectado o problema, técnicos de Augas de Galicia puxéronse en contacto co concello para que adoptase as medidas oportunas para subsanar o vertido e nunha inspección recente comprobaron que a contaminación desaparecera tras conectar a acometida irregular á rede de saneamento municipal.

En canto ao foco emendado en Redondela, os aportes contaminantes estaban a afectar á desembocadura dun rego na ría de Vigo. Neste caso, os técnicos do Plan de control de vertidos inspeccionaron a zona tras recibir un aviso a través do Servizo de Emerxencias 112. Unha vez sobre o terreo, localizaron un desaugue dunha rede de pluviais cara a un curso de auga natural que desembocaba na ría de Vigo, atravesando a praia de Cabanas. Tras informar da situación ao Concello, a concesionaria da rede de saneamento local procedeu a reparar unha fuga detectada nun colector que chegaba ata a rede de pluviais do lugar.

Recentemente, persoal de Augas de Galicia desprazouse de novo ata a zona e comprobou mediante a realización das pertinentes analíticas a ausencia total de contaminación tanto na rede de augas pluviais como no propio curso de auga natural cara ao que vertía.

Os focos de contaminación emendados nos concellos de Moaña e Redondela foron detectados grazas a dúas inspeccións realizadas no marco do Plan de control de vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.

Deja un comentario