+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

CUBELA ANUNCIA AS REHABILITACIÓNS DO LOCAL DE BANDA DE MÚSICA DE TENORIO E DA CASA DO EMIGRANTE PARA ESTE ANO


A Comunidade de Montes de Tenorio aproba a cesión do recinto ao Concello, que era o derradeiro requisito para acometer esta actuación

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou na xornada de hoxe que os ambiciosos proxectos de rehabilitación e reforma do Local Social da Banda de Música de Tenorio e da Casa do Emigrante de Carballedo se acometerán este ano, xa que van ser incluídos no Plan Municipal de Investimentos 2018 a través de senllas partidas que suman 285.000 euros.

O Local Social de Banda de Música de Tenorio leva tempo precisando unha reforma e o goberno local xa tiña preparado un proxecto que inclúe, entre outras cuestións, un mellor aproveitamento de espazos e a dotación dunhas amplas cristaleiras con madeira no seu piso superior, pero ata a data sempre houbo certos atrancos administrativos.

Nembargantes, a Comunidade de Montes de Tenorio vén de aprobar a cesión da titularidade deste inmoble a prol do Concello de Cerdedo-Cotobade, que non podía actuar nin investir nel sen estar en posesión do mesmo. Así, tras varias xuntanzas informativas e xestións cos comuneiros impulsadas por Cubela, a asamblea da entidade aprobou, practicamente por unanimidade, o traspaso da titularidade e abre as portas a este proxecto, cifrado en 120.000 euros, ao salvarse o derradeiro hándicap burocrático.

Paralelamente a esta actuación, o executivo municipal leva certo tempo traballando no proxecto de rehabilitación da Casa do Emigrante de Carballedo, que contará cun investimento de 165.000 euros destinado á súa rehabilitación e acondicionamento para destinalo a usos veciñais, sociais e culturais. Esta actuación ten certa complexidade, xa que as obras deberán respectar as especiais características arquitectónicas do edificio.

Estas dúas obras enmárcanse no Plan de Centros Veciñais 2019, co que se pretende rehabilitar ou dotar de locais sociais de primeiro nivel a todas as parroquias de Cotobade neste mandato municipal. Nos últimos tempos actuouse en Rebordelo, O Cádabo, Borela e Augasantas e agora, aparte destas dúas rehabilitacións, chegará a Almofrei e Corredoira.

Tras confirmar estes investimentos, Cubela cualificou de “histórico” o acordo da Comunidade de Tenorio, “xa que permitirá acometer unha obra perseguida polo goberno local e que ademais é moi necesaria para que o local da Banda teña o mesmo nivel de primeira división que a formación musical”. Cubela quixo agradecer a “xenerosidade e visión de futuro” dos comuneiros e tamén se referíu ao acondicionamento da Casa do Emigrante “como unha obriga deste Concello cun edificio emblemático que terá unha segunda vida útil de gran importancia para seguir dinamizando a vida social e veciñal da capital e da zona centro do noso concello”.

Deja un comentario