+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

O FRÍO E A CHOIVA NON PODEN COA TRADICIÓN DA ROMARÍA DA SAÚDE EN PONTE CALDELAS


A romaría da Virxe da Saúde, en Ponte Caldelas, contou coa presenza de centos persoas chegadas de diversos lugares de Galicia. Nin o mal tempo puido coa tradición dunha das romarías máis populares de Galicia.
A pesar da choiva e o frío o recinto da capela da Saúde, entre Rebordelo, A Roca e Coveliño, estivo moi concorrido. Ata a zona chegaron tres autobuses traendo xente de diferentes puntos da provincia. Tamén houbo asistencia dalgúns romeiros chegados a cabalo.
Entre os presentes estivo o alcalde, Andrés Díaz, quen intercambiou impresións coa veciñanza ao remate dos actos relixiosos. Rematada a misa, os feligreses, moitos deles con exvotos de cera, cumpriron coa tradición da procesión e o paso por debaixo da imaxe.
Un concerto da banda de música de Tenorio e unha comida popular, baixo carpa, completaron a programación da xornada.
O Concello, como é habitual, acondicionou todo o recinto nas xornadas previas. Ademais, organizouse un dispositivo de Protección Civil e dotouse de sentido único á estrada, dado o elevado número de vehículos.

Deja un comentario