+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

O CONCELLO E CÁRITAS REPARTEN OS 16.760 EUROS DA CONTA SOLIDARIA ENTRE FAMILIAS DAMNIFICADAS POLOS INCENDIOS


Os fondos destináronse á adquisición de produtos e efectos destruídos polas lapas, valorando a situación social e humana dos prexudicados

A campaña do Concello de Ponte Caldelas e da Organización Non Gubernamental Cáritas para axudar ás persoas damnificadas polos incendios do pasado 15 de outubro chegou ao seu fin. A pasada semana completouse o reparto dos fondos recollidos na conta solidaria, en forma de entrega dos bens e efectos destruídos polo lume, ás familias máis prexudicadas.
De acordo co anunciado ao comezo desta campaña, o Concello e Cáritas fixeron unha valoración social das familias, a partir dos seus ingresos; unha valoración técnica das perdas e, finalmente, unha valoración humana. Os técnicos municipais e o equipo de Cáritas foron os encargados de levar a cabo estas consideracións, sen presencia de ningún político na comisión mixta.
Ademais utilizouse o criterio de non repartir cartos, senón de repoñer os efectos e, na medida do posible, adquirilos no comercio local.
O Concello e Cáritas, en cumprimento do acordo alcanzado para dar pé a esta campaña solidaria, froito da inquedanza das institucións e a sociedade caldelá, decidiron non facilitar nin a identidade das persoas beneficiadas, nin a listaxe dos bens doados, en estrito respecto da súa intimidade e dignidade.
A conta solidaria recadou un total de 16.760 euros gracias á onda de solidariedade que chegou dende diferentes puntos de España.
O Concello de Ponte Caldelas agradece moi especialmente a colaboración prestada por Cáritas de Ponte Caldelas e a todas as entidades e persoas que doaron cantidades moi diversas, e todas elas igualmente valiosas, á conta solidaria.
Entre os doantes figuran a Asociación de Veciños de Santa María de Pazos de Borbén, a asociación de comerciantes Coempo, o colexio de A Lama, o colexio Antamirano (Madrid), a empresa Carlin e, moi especialmente, a asociación Ponte Caldelas Solidaria. Tamén o propio Concello de Ponte Caldelas, que correu con gran parte dos gastos de organización do Festival Solidario.

Deja un comentario