+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA PÓN EN VALOR NO PAZO QUINTEIRO DA CRUZ QUE SOMOS “A ÚNICA PROVINCIA DE ESPAÑA CON XARDÍNS DE EXCELENCIA INTERNACIONAL DA CAMELIA”


A presidenta provincial acudiu ao pazo con motivo da consecución do certificado de xardín de excelencia internacional da camelia, outorgado pola Internacional Camellia Society

“Hai 52 xardíns no mundo declarados de excelencia internacional e deles catro están na provincia de Pontevedra: o Castelo de Soutomaior, o Pazo de Rubiáns, Quinteiro da Cruz e A Saleta”, subliñou Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Ribadumia, David Castro, ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, á deputada delegada da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Eva Vilaverde, e ás persoas propietarias do Pazo Quinteiro da Cruz, Pedro Piñeiro e Beatriz Piñeiro, presentaron esta mañá a certificación de “Xardín de Excelencia Internacional da Camelia” que recentemente acadou o Pazo. Carmela Silva amosou a súa satisfacción por este nomeamento que nos convirte na “única provincia de España con Xardíns de Excelencia Internacional”.

A presidenta provincial recordou que “hai 52 xardíns no mundo declarados de excelencia internacional da camelia e deles, 4 están na provincia de Pontevedra: o castelo de Soutomaior, o Pazo de Rubiáns, o de Quinteiro da Cruz e A Saleta. Isto é algo do que presumir e do que sentirse moi orgullosas e orgullosos xa que é un elemento máis de internacionalización da nosa posición”. Neste eido, a presidenta subliñou que “a nivel internacional o camiño de Santiago é un elemento moi relevante pero, estou segura, a camelia pode chegar a ser igual de relevante”.

Silva tamén aproveitou para poñer en valor o Pazo Quinteiro da Cruz, “un lugar extraordinario de pedra, con hórreos, cruceiros, unha capela do século XVI, unha pila bautismal do XII, un pombal, lavadeiro eun xardín con árbores senlleiras, algunhas con máis de 300 anos e con máis de 2.000 variedades da “raíña” das flores: a camelia”. Amais, a presidenta provincial destacou que o Pazo é un exemplo máis de que “Somos historias: historias literarias, botánicas, paisaxísticas, culturais, de grandes persoeiros que deixaron a súa pegada na provincia de Pontevedra e particularmente neste pazo que fai que as persoas que o visitan sintan que forman parte de algo lírico e poético”.

Durante o acto, a presidenta da Deputación quixo facer un recoñecemento “ás propietarias e propietarios do Pazo Quinteiro da Cruz, polo seu compromiso por manter o patrimonio en excelentes condicións e xerar actividade económica e emprego arredor del, mediante os viños e tamén mediante a camelia”. Neste eido, Silva recordou que o Pazo Quinteiro da Cruz elabora té, pero tamén produtos de carácter cosmético e culinario a base de camelia, e está a traballar tamén nos usos a nivel téxtil da flor.

Amais, a presidenta provincial tivo tamén palabras para a deputada delegada de Areeiro, Eva Vilaverde, que “a través da Estación, e coa colaboración das súas técnicas e técnicos, está a apostar por seguir a xogar un papel fundamental na promoción da camelia, potenciando a investigación e entendendo que esta flor é un elemento potencial económico para a provincia de Pontevedra”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadumia, David Castro, amosou a súa satisfacción por este recoñecemento subliñando que “hoxe é un día moi importante para o concello xa que dos catro xardíns de Excelencia Internacional que hai en España, tres están no Salnés e un deles en Ribadumia”. Neste eido, Castro agradeceu “o papel desenvolvido polas persoas propietarias do Pazo Quinteiro da Cruz e polas técnicas e técnicos do Areeiro, claves na consecución deste certificado para Ribadumia”.

Tamén tiveron palabras as persoas co-propietarias do Pazo, Pedro e Beatriz Piñeiro. Así, Pedro Piñeiro, botánico do seu xardín, agradeceu o papel da Deputación de Pontevedra a través de Areeiro destacando que “a presidenta da Deputación logrou para a provincia algo que non acadou ningún lugar do mundo: ser o único espazo do globo co maior número de xardíns de excelencia internacional da camelia”. No caso de Beatriz Piñeiro, centrada en aspectos de innovación do Pazo, destacou aspectos vangardistas desenvolvidos desde Quinteiro da Cruz como unha app de realidade aumentada de camelias, a plantación de té (que converte ao pazo no primeiro produtor de té de Galicia) e adiantou a colaboración que están a manter coa Universidade Politécnica de Valencia a través da cal están a conseguir téxtil con tintura natural de camelia que, amais, protexe contra os raios ultravioleta.

Deja un comentario