+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

MONDARIZ ACOLLE O CURSO FEDERATIVO DE MONITOR DE FÚTBOL SALA DA FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL


O curso, de dúas clases á semana ─de 19:30 h a 22:30 h─ e cun prezo de 150 euros, desenvolverase dende o 23 de abril ao 27 de xuño

O Concello de Mondariz, acollerá, durante entre os meses de abril e xuño, o Curso Federativo de Monitor de Fútbol Sala que se desenvolve ao abeiro do programa nacional de adestradores da Real Federación Española de Fútbol e que permitirá que os alumnos e alumnas que o superen con éxito, poidan desenvolver o seu labor nas Federacións de Fútbol de ámbito autonómico.
Para poder participar nesta actividade, é preciso que os e as aspirantes teñan 16 anos cumpridos ao comezo do curso, efectuar a correspondente inscrición (que xa está aberta e que se pechará o 23 de abril, día de inicio do curso) e estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria ou titulo oficial equivalente segundo o plan de estudos do aspirante.
O programa deste curso, que contará con clases teóricas e sesións prácticas, abrangue, na súa Área de Técnica Elemental, temas como aprendizaxe das técnicas, adestramentos dos porteiros, evolución do Fútbol Sala e creación de equipos.
Doutra banda, e xa dentro de Area de Adestramento Deportivo Elemental, alumnas e alumnos adquirirán coñecementos sobre periodización e sesións de adestramento, filosofía didáctica do fútbol sala e orientación á xogadores.
Ademais, ao longo das clases, incidirase sobre temas especialmente importantes como o liderazgo, psicoloxía, ética deportiva, fisioloxía, nutrición e medicina do fútbol sala, xestión de club, regras de xogo e tecnoloxía e fútbol sala.
Tal e como sinalaba o Concello de Mondariz na presentación deste curso federativo, na que participaron o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín e o conocelleiro Jesús Vázquez Estévez, “os e as participantes dispoñerán, unha vez rematado o curso, da titulación oficial da RFEF e de todos os coñecementos teóricos e prácticos que lles permitan desenvolver o seu labor ao fronte dun equipo de fútbol sala.
As clases, a razón de seis horas semanais (dous días a semana de 19:30 horas a 22:30 horas) terán lugar nas aulas da Biblioteca Pública Municipal ‘Xoán Xosé Pérez Labaca’ os días 23 e 25 de abril; 2, 7, 9, 14 16, 23, 28 e 30 de maio e o 4, 6, 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de maio.
Para obter o Diploma de Monitor de Fútbol Sala, as alumnas e alumnos deberán ter a avaliación positiva nas distintas áreas e materias das que consta o curso e, ademais, asistir a un mínimo do 75% das horas lectivas programadas para cada materia. O número de alumnos será de un mínimo de 15 e un máximo de 35 e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición. No caso de superarse as 35 solicitudes, os últimos pasarían a formar parte dunha listaxe de espera para o caso de que se produza algunha vacante.
Inscrición
A inscrición pode formalizar online na páxina web www.futgal.es e aí no apartado Adestradores->Escola->Inscrición Online. Logo, o alumno recibirá por correo electrónico uns códigos para entrar na súa área privada e realizar o pagamento do curso.
No caso de querer realizar o pagamento por transferencia bancaria, este debe realizarse en ABANCA, na conta ES77 2080 5199 6830 4000 7955, indicando no asunto do ingreso o nome do alumno e a sede onde vaia a realizar o curso.
O primeiro día de clase, os alumnos e alumnas deberán presentar unha fotocopia do DNI, anverso e reverso, o título de ESO ou equivalente; dúas fotografías de carné co nome no reverso, a folla de inscrición cuberta e o xustificante de pago.

Deja un comentario