+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ULTIMA AS OBRAS NA ESTRADA PROVINCIAL SERRAPIO-PORTELA: O PINTADO DA SINALIZACIÓN HORIZONTAL DEPENDE DA CHUVIA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa está feito todo o traballo de aglomerado e de calmado de tráfico
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está xa a rematar as obras de mellora da estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, os traballos, que tiveron un orzamento de licitación de 240.822 euros, estarán totalmente finalizados no mes de maio se a climatoloxía o permite, posto que a día de hoxe só falta o pintado da sinalización horizontal, que depende da chuvia, e a instalación da sinalización vertical.
O deputado asegurou hoxe que as obras na EP-7102 supoñen unha importante mellora da seguranza viaria na zona, un dos criterios fundamentais polos que está a traballar o departamento de Mobilidade da Deputación a través da Estratexia de Mobilidade 3.0. Os traballos xa feitos foron a limpeza e roza das marxes (reperfilando as cunetas), a mellora do firme, a instalación de redutores físicos de velocidade, e un ensanche de toda a vía existente ata os sete metros de sección (salvo no núcleo de Aldea de Bugarín), así como a consolidación de algúns noiros para evitar arrastres.
O ámbito de actuación abrangueu case dous quilómetros da estrada, unha lonxitude maior que a prevista polo proxecto do anterior goberno provincial, que foi notablemente mellorado. Por zonas, nos primeiros 1.440 metros pavimentáronse sete metros de largo do firme existente para crear dous carrís de tres metros e unha beiravía asfaltada a cada lado -ademais dun sobreancho sen asfaltar-. Na zona da ponte foi necesario reducir a sección, e instaláronse dous redutores físicos de velocidade á entrada e saída, delimitando ‘unha zona 30’ pola presenza do estreitamento.
Nos trescentos metros do segundo treito, coincidente co núcleo de vivendas de Aldea de Bugarín, colocáronse outros dous redutores de velocidade á entrada e á saída, e renovouse o firme mantendo o largo que había pola presenza de edificacións. Na terceira zona ensanchouse a vía, pasando dunha sección de 4,5 metros a 7 metros, para o que foi preciso un recheo.
No cuarto treito (PQ 1+800 a 1+890) pavimentáranse os sete metros de largo da variante existente en xabre, creando os dous carrís para continuar a vella plataforma.
O deputado Benítez quixo lembrar ante o inminente final da obra que o actual proxecto da Deputación para a estrada é moito máis completo que o previsto polo anterior goberno da Deputación, xa que amplía o ámbito de actuación e inclúe medidas de calmado de tráfico. Así mesmo, indicou que supón unha actuación “comedida” dada a tipoloxía da vía e o seu número de usuarios. No ‘Plan de Aforos’ da rede de estradas da institución provincial quedou contabilizada unha media de 16 vehículos por día segundo as medicións realizadas pola empresa Iceacsa Consultores.

Deja un comentario