+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

AS “BARBIS INTERVIDAS” DA DEPUTACIÓN CHEGAN A VIGO PARA REMOVER CONCIENCIAS. CARMELA SILVA INAUGURA ESTE MÉRCORES “ROMPE. XOGA EN IGUALDADE”


A mostra está protagonizada polas famosas bonecas, escollidas como arquetipo da muller obxecto, que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación para poñer en valor a necesidade dunha sociedade igualitaria

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, das artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco, Irene Silva e Noemí Chantada, e colectivos e asociacións de mulleres da provincia, inaugurará este mércores, ás 19.30 horas na Casa das Artes, a exposición “Rompe. Xoga en igualdade”. Esta exposición foi ideada con motivo do 8 de marzo, e tras o seu paso polo Pazo Provincial, en Pontevedra, comeza agora a percorrer os concellos da provincia que así o soliciten.

A mostra, que foi posta en marcha por Isabel Blanco e Irene Silva e que conta con fotografías de Noemí Chantada, é protagonizada polas famosas bonecas “Barbi”, que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. Consta de 18 paneis cheos de poesía visual e que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. As protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando na importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación das nenas e dos nenos.

Seleccionouse a “Barbi” para a mostra por tratarse da boneca máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas, presentando a unha muller obxecto, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos. Deste xeito, as artistas creadoras da mostra interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico, e por elo, diante de cada peza haberá un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

 

Esta mostra reivindicativa poderá visitarse na Casa das Artes do concello de Vigo ata o domingo 13 de maio e estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 18.00 horas a 21.00 h; os sábados, de 12.00 horas a 14.00h e de 18.00h a 21.00 horas, e os domingos e festivos de 12.00 horas a 14.00h.

Deja un comentario