+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA FAI UN CANTO ÁS INQUEDANZAS DE FORMACIÓN DAS PERSOAS MAIORES NA SÚA RECEPCIÓN AO ALUMNADO DE FILOSOFÍA DA UNED SENIOR


A Presidenta da Deputación de Pontevedra, madriña da promoción, resaltou a necesidade de darlles oportunidades ás persoas maiores “que teñen tanto que achegar á sociedade”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá cun almorzo no Pazo provincial ao grupo de alumnas e alumnos de Filosofía da UNED Senior, que a escolleron como madriña da súa promoción en calidade de Presidenta provincial. O alumnado entregoulle como obsequio un ramo de flores e unha copia do libro do filósofo e titor do curso Marcelino Agís “Introdución á historia da filosofía”, editado pola Deputación de Pontevedra. Pola súa banda, a Presidenta Carmela Silva fíxolles entrega de cadansúa copia do libro “Pontevedra: a memoria rescatada”.

Carmela Silva asegurou que “para min é un orgullo inmenso ser a madriña desta promoción. De feito, cando nunha conversa xurde o tema das afilladas e afillados, eu son quen máis presume porque ninguén ten tantas e tantos coma min”. A Presidenta da institución provincial aproveitou a xuntanza para poñer en valor “que exista unha formación como a que oferta a UNED para as persoas maiores” e resaltou “o orgullo que sinto por todas estas mulleres e homes xa que amosan que as inquietudes, neste caso as intelectuais, non teñen idade”, ademais de sinalar a necesidade “de ofrecerlles posibilidades aos nosos e ás nosas maiores porque teñen moito que achegar á sociedade”.

Carmela Silva incidiu en que “a terceira idade é unha época marabillosa para poder seguir medrando como persoas e de compartir todo ese coñecemento co conxunto da sociedade desde unha perspectiva única” e tamén asegurou que “eu mesma, cando me xubile, teño toda a intención de seguir estudando”.

Deja un comentario