+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

O CONCELLO COMEZA A OPERACIÓN DE LIMPEZA DE BROZA NA REDE DE CAMIÑOS MUNICIPAIS DO RURAL


O operativo que terá unha duración de tres meses iníciase polo núcleo de Regodobargo

A campaña anual de limpeza e corta da broza de todos os núcleos rurais de Ponte Caldelas comezou en Regodobargo, onde esta fin de semana celébrase o seu popular Serán, no que participan grupos de música popular chegados dende toda Galicia.
O Serán conta co atractivo de que, por primeira vez, utilizará a nova Casa do Pobo de Regodobargo, construída polo Concello aproveitando a estrutura do antigo palco da música, que estaba en desuso.
Os operarios municipais xa están traballando nos dous accesos principais ao pobo dende a estrada autonómica, na Insua e no límite con Soutomaior. Unha vez acondicionado este vial principal farase un repaso por todos os camiños do pobo coa corta de toda a broza, soprado e recollida, para deixalos en perfectas condicións.
A limpeza integral da rede municipal de camiños é unha medida posta en marcha polo equipo de Goberno de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) que se fai coincidir cos principais eventos e festas populares de cada lugar. O labor, que comeza coa primavera e se prolonga durante uns tres meses, permite non só mellorar o viario, senón os espazos públicos, dado que inclúe o acondicionamento de adros, torreiros e lugares onde se celebran as actividades parroquais.
A campaña realízase con medios exclusivamente manuais, incluíndo o soprado e recollida dos restos vexetais. O Concello adoptou unha resolución pola que prohíbe o uso de calquera tipo de herbicidas químicos, polos seus efectos nocivos no medio ambiente.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que trátase dunha mellora na limpieza de todo o municipio e unha clara aposta polo rural, posto que anteriormente só se limpaban os viais principais dalgunhas das parroquias “e para iso moitas veces de favor, que era como se facían aquí as cousas”. Na práctica totalidade do territorio rural do municipio eran os propios veciños os que tiñan que limpar de herbas os camiños.

Deja un comentario