+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA SÚMASE HOXE Á CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO PARKINSON


O goberno provincial participará en actividades organizadas para manifestar o apoio institucional da Deputación ás familias e persoas afectadas coa enfermidade

A Deputación de Pontevedra súmase este mércores, 11 de abril, á celebración do Día Mundial do Párkinson, co obxectivo de reivindicar unha maior sensibilización e concienciación sobre a enfermidade. En total, en Galicia hai máis de 13.000 persoas con Párkinson das cales o 25% viven na provincia de Pontevedra.

Para o goberno da Deputación de Pontevedra é fundamental sumarse a estas iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, sensibilizar á sociedade e visibilizar doenzas como o Párkinson que xa é a segunda enfermidade neurodexenerativa, tralo Alzheimer, con maior número de persoas afectadas. De feito, o ano pasado, a institución provincial instalou unha placa na escultura do tulipán (símbolo mundial da enfermidade do Párkinson), o primeiro monumento en España dedicado á enfermidade, que está situado na Praza da Estrela de Vigo e foi elaborado pola Escola de Cantería da Deputación.

O goberno de Carmela Silva súmase ás reivindicacións impulsadas polas asociacións de persoas afectadas con Párkinson para instar ás administracións competentes a achegar recursos suficientes para a investigación na cura da enfermidade así como para acadar unha mellor atención sanitaria, con máis especialistas e tratamentos axeitados para as persoas doentes.

A Organización Mundial da Saúde decidiu no ano 1997 celebrar o 11 de abril o Día Mundial do Párkinson en homenaxe á data de nacemento de James Párkinson, o científico que deu nome á enfermidade ao definir no século XIX a sintomatoloxía da “Parálise Axitante”, como se coñecía naquel momento a doenza.

Deja un comentario