+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ORGANIZA ESTE XOVES UNHA XORNADA FORMATIVA SOBRE A NOVA LEI DE CONTRATOS PÚBLICOS PARA OS CONCELLOS DA PROVINCIA


Os cambios da nova normativa, que suscitan gran inquietude nos concellos, serán o eixo dos relatorios que impartirán destacados especialistas en administración pública

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acollerá este xoves unha xornada formativa sobre a aplicación da nova Lei de Contratos do Sector Público (9/2017) á que acudirán alcaldes e alcaldesas amais de cargos técnicos de todos os concellos da provincia.

A nova Lei, aprobada o pasado mes de novembro, entrou en vigor o día nove de marzo e supuxo innumerables dúbidas por parte dos técnicos dos concellos polos cambios que introducía no sistema de contratación por parte das administracións locais e a obrigatoriedade da licitación electrónica. Por elo a Deputación impulsou a celebración desta xornada que permite abordar dende unha óptica eminentemente práctica os principais cambios da nova normativa.

Igualmente a Deputación, tras a adaptación das súas estruturas e sistemas ao novo modelo de contratación a través dunha plataforma electrónica onde se rexistran os contratos, puxo en marcha un sistema de consultas para os técnicos dos concellos da provincia para asesoralos e diverso material en forma de plantillas dos principais modelos de contratos adaptados á nova normativa.

A xornada de mañá está coordinada por Pintos Santiago, avogado consultor en contratación pública, profesor do Máster de Dereito da Contratación Pública da Universidade de Castela- Mancha e funcionario de carreira da comunidade autónoma en diversos servizos de contratación. Santiago será o encargado na seu relatorio de fixar o actual marco legal e explicar aos asistentes as principais novidades para as administracións locais da Lei 9/2017.

O resto da xornada está dividida en catro bloques principais que abordan os distintos aspectos máis novidosos da Lei e que teñen que ser contemplados polas administracións á hora de contratar coas empresas. Así o primeiro bloque analizará os aspectos sociais, ambientais e de innovación do novo sistema de contratación pública, que será abordado por Berbabé Palacín, director xeral de Contratación do concello de Logroño. O segundo apartado versará sobre a simplificación, redución de prazos e novos procedementos, que serán analizados por María Asunción Sanmartín, xefa do servizo de contratación do goberno de Aragón. A transparencia e integridade do novo modelo será exposto por Concepción Campos, secretaria do concello de Vigo e codirectora da Rede Localis, directiva pública local. O último aspecto das xornadas é a licitación electrónica e a modernización dos municipios, que será analizada por Fernando Álvarez, xefe do servizo de Planificación e Modernización do concello de Xixón.

Deja un comentario