+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN SUBVENCIONARÁ O DESEÑO DE CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS NAS ESTRADAS PROVINCIAIS


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou unha partida inicial e ampliable de 300.000 euros para realizar proxectos de mellora

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai subvencionar o deseño de camiños escolares seguros nas estradas provinciais. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explicou que os concellos poderán solicitar a axuda provincial para redactar proxectos de mellora de contornas escolares para centros educativos situados nunha área de influencia de 200 metros dunha vía provincial que se utilice como acceso.

Benítez explicou que o orzamento inicial para a iniciativa é de 300.000 euros, pero que se ampliará en función do número de solicitudes dos gobernos locais da provincia. O financiamento da Deputación será dun 75% (cun máximo de 25.000 euros) e o Concello deberá aportar o 25% restante. O nacionalista explicou que para adherirse a este programa será obrigatorio presentar un compromiso do concello solicitante, outro da dirección do centro educativo de participacion e dinamización do camiño escolar e a certificación de que o municipio está adherido á Rede de Cidades dos Nenos e Nenas creada na provincia seguindo a filosofía de Francesco Tonucci.

Entre todas as propostas recibidas darase máis puntuación aos concellos que dispoñan dun plan de mobilidade sostible (redactado ou en redacción) e que presenten unha carta de compromiso do consello escolar con voto favorable de pais e nais. As bases para o Plan Camiña á Escola! Aprobaranse en Xunta de Goberno o vindeiro día 2o e os concellos terán un prazo de 20 días para solicitalos unha vez sexan publicadas no Boletín da Provincia. Segundo explicou Uxío Benítez, a intención deste plan é ir acompasado cos ritmos escolares, xa que o obxectivo é que a adxudicación das subvencións e toda a tramitación administrativa dos concellos se faga durante o verán para que no mes de setembro a asistencia técnica que se encargue da redacción do proxecto poida empezar a traballar coa comunidade educativa.

Benítez explicou, de feito, que cada proxecto subvencionado deberá ter unha parte socioeducativa, de traballo coa comunidade escolar, na que o máis positivo sería que nenos e nenas puidesen definir o seu camiño escolar seguro nas súas preferencias de mobilidade. A partir de aí, a equipa redactora deberá elaborar unha parte técnica que conclúa cales son as actuacións e obras que se deben executar para crear un espazo seguro para que as e os escolares poidan camiñar á escola seguros polas estradas provinciais. “Nunha seguinte fase abordaremos esas obras, xa ven dacordo Deputación e Concello se son vías provinciais, así como as demais administracións implicadas no espazo público afectado”, explicou o deputado.

Benítez explicou que esta aposta polos camiños escolares seguros na rede provincial de estradas débese a que a Deputación “é sensible a que cada vez menos nenos e nenas van camiñando sos á escola e que hai que procurar que os espazos públicos sexan seguros e que as persoas poidan gozar deles”. Explicou que o ano pasado fíxose un proxecto piloto do que concluíu na elaboración dunha guía de como debe ser o desenvolvemento dun camiño escolar e, a partir de aí, comezou o traballo para poñer en marcha o Plan Camiña á Escola!.

Xornada de concienciación
O anuncio do Plan Camiña á Escola! foi realizado hoxe no transcurso dunha xornada de concienciación na que a Deputación convidou a políticos e técnicos de todos os concellos da provincia, direccións de centros escolares, asociacións de nais e pais, así como a policías locais, é dicir, a todos os actores da implantación dos camiños escolares.

A xornada foi inaugurada pola presidenta da Deputación Carmela Silva, quen incidiu no cambio de criterio do goberno provincial ao poñer ás persoas no centro das políticas de Mobilidade en lugar de aos vehículos. “O espazo público ten que ser de todas e de todos. Nos anos 70 pensouse máis no desenvolvemento económico salvaxe que nas consecuencias e nas súas afeccións. É tempo de que no século XX cambiemos como se constrúen as cidades. Buscamos crear unha provincia diferente”, insistiu, para destacar que o Plan Camiña á Escola! pretende que os nenos e as nenas poidan desenvolver a súa autonomía e deixen de estar “nas súas casas sós, entredados ás APPS, á vida sedentaria e con escasa relación espontánea co resto de rapazas e rapaces”.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, quixo destacar que en Pontevedra “somos referentes” de políticas de deseño do espazo público e lembrou que, por exemplo, en Suecia aínda están a desenvolver ese concepto. “Alí, nun país avanzado, teñen unha lentitude significativa neste ámbito, pero nós, que levamos anos traballando nesta vía somos pioneiros. Queirámonos un pouquiño”, dixo, para engadir que a Deputación ten dende o ano 2012 unha ordenanza viaria que se está a desenvolver e que funcionará ocmo guía de plantexamentos técnicos para os concellos e outras entidades a nivel estatal. “Antes había poucas publicacións ao respecto. A Deputación está a facer o esforzo de facer unha guía de mobilidade actualizada para saber como se executan tecnicamente as solucións para crear espazos públicos amables e estará a disposición de todo o mundo”, afirmou. Así mesmo, instou aos concellos non só a aplicar os camiños escolares ‘sensu estricto’, senón como parte da cidade como espazo global recuperado para a cidadanía.

Implicación da comunidade educativa
Nas xornadas de hoxe tamén participaron outros relatores que aportaron a súa visión sobre os camiños escolares. Entre eles a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, quen destacou que a DXT aposta pola iniciativa porque “potencia a ‘autorresponsabilidade’ e que os escolares tomen conciencia do uso compartido das vías e calibren os perigos. En particular, estes camiños permiten xerar conducta seguras cívicas e responsables, pero para implementalos necesítase de toda a comunidade educativa”, dixo. Finalmente, instou a todos os presentes “á creación de contornas accesibles e seguras nos colexios”, pero a integralos “en verdadeiros plans de mobilidade urbana sustentable máis ambiciosos”.

Pola súa banda, a asesora pedagóxica da Unidade de Intervención Pedagóxica da DXT de Madrid, Raquel Navas Hernández, destacou que “Pontevedra é un exemplo, un marco de referencia que ten cruzado fronteiras” no ámbito da mobilidade sustentable e a recuperación dos espazos público e subliñou que a seguridade viaria, de forma xenérica tanto para a cidadanía como para as crianzas en particular, debe tomarse en conta como “un dereito cidadán”. Navas indicou que a DXT ten en marcha un Plan Estratéxico de Seguranza Vial 2011-2020 na que o obxectivo final é a ‘visión zero’ (accidentes), mais indicou que hai moito por facer.

No ámbito dos camiños escolares, a pedagoga destacou que son igualmente posibles tanto no ámbito urbano como rural, sempre atendendo a criterios e especificidades de cada ubicación. Destacou que nenos e nenas deben ser conscientes de que a estrada é un espazo a compartir e que deben recuperar as rúas “como faciamos nós”. “Os camiños escolares teñen un segundo beneficio: que desconxestionamos tamén o lugar de saída dos colexios, evitando dobles e triples filas”, destacou, para finalizar asegurando que a DXT é unha das administracións implicadas no pulo de iniciativas, pero que é fundamental a confianza dos pais e dos centros escolares, así como dos concellos, para poñer en marcha plans como o Camiña á Escola! da Deputación.

Tamén interveu na xornada o director da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, quen indicou que a día de hoxe o 77% dos nenos e nenas da cidade de Pontevedra van camiñando aos seus centros educativos e que deles van sos o 23%. “As medidas de calmado de tráfico tanto no centro como no rural son fundamentais, pero hai que ter en conta que cada núcleo, cada parroquia é un escenario diferente no que actuar”.

O presidente da FANPA de Pontevedra e Confapa Galicia, Rogelio Carballo, participou asegurando que é fundamental a sensación de seguridade por parte de pais e nais. No caso de Pontevedra, dixo, a situación é ideal “porque hai camiños escolares pero non se notan”: “Superamos as horas específicas de saída e entrada da escola. Houbo un cambio cultural importante en parte polos camiños escolares, que nos fixeron ver que os espazos públicos, as rúas e as prazas, son preferentemente para as persoas, e sobre todo, para nenos e nenas”, indicou.

Finalmente técnicos do Estudo Rurban deron a coñecer o proxecto piloto desenvolvido nun centro escolar rural da provincia, no que se baseou a metodoloxía final do Plan Camiña á Escola! da Deputación. Indicaron que non se debe pensar o camiño escolar como un “tunel” polo que nenos e nenas van á escola, senón como o territorio e os traxectos que os nenos e nenas precisan para desenvolverse. “Sabemos que nas Rías Baixas a contorna é dispersa, os equipamentos están mal conectados e non hai beirarrúas, marcas viarias e si hai cruces, perigos…Temos que salvar esas cuestións e non pensar que se poden facer beirarrúas por todos os lugares. Temos que ver que hai que habilitar espazos, sendas, e que o mínimo para ter seguridade son franxas de mobilidade peonil de mínimo 2,5 metros”, finalizaron.

Deja un comentario