+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

PONTE CALDELAS ABRE UNHA VÍA DE DIÁLOGO COA XUNTA DE GALICIA PARA TRABALLAR POLA APERTURA DA CASA DA QUINTÁN


O alcalde reuniuse co secretario xeral da Consellería Social e conseguiu o compromiso de que se tramitará unha xuntanza co conselleiro

O Concello de Ponte Caldelas, que leva tres anos tentando que se abra a Casa da Quintán, deu hoxe un paso máis formalizando unha vía de diálogo coa Consellería de Política Social. O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza co secretario xeral, Javier Abad, na que se abordou esta cuestión.
O Goberno local caldelá (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aprobou xa dúas mocións plenarias reclamando a apertura da Casa da Quintán, o chalé indiano reformado en 2008 pola Xunta de Galicia cun investimento de medio millón de euros e que está completamente equipado e listo para entrar en servizo. O inmoble foi cedido por unha asociación hoxe desaparecida á Xunta como centro de respiro para familias con persoas con discapacidade psíquica.
Ponte Caldelas, diante da inviabilidade do uso previsto na cesión, propuxo xa repetidamente á Consellería, sen recibir resposta ata o de agora, que se destine a calquera fin social, se ben apuntou directamente á posibilidade de que se convirta nun Centro de Día para persoas maiores, cubrindo así unha eiva e unha necesidade social de toda a bisbarra diante da falta de prazas públicas.
O secretario xeral comprometeuse a tramitar unha xuntanza entre o alcalde e o conselleiro, José Manuel Rey Varela, que sirva para abrir o edificio, que leva 10 anos sen uso. Aínda máis, admitiu descoñecer que exista outro caso similar en toda Galicia, cun edificio completamente rehabilitado e listo para entrar en funcionamento que permaneza pechado.
Andrés Díaz subliñou que, con independencia das diferentes cores políticas da Xunta de Galicia e do Concello de Ponte Caldelas, ambas institucións deben colaborar para conseguir que un recurso que está plenamente dispoñible se poña en marcha porque iso é o que demanda a sociedade. “O edificio é de titularidade da Xunta e nel gastáronse os cartos de todos, pero se nós podemos colaborar dende o Concello, na medida das nosas posibilidades, estamos abertos a todas as fórmulas; o que queremos é falar”, explicou Andrés Díaz.
Por outra banda, na xuntanza abordouse a necesidade de articular unha solución definitiva ao aloxamento da persoa que está instalada na Casa da Quintán tralos incendios forestais do pasado 15 de outubro, nos que perdeu a súa infravivenda. Ambas institucións coinciden en que a situación de emerxencia producida tralo lume xa está superada e agora cómpre buscar unha solución habitacional definitiva.

Deja un comentario