+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

SALCEDA CONTARÁ COA SUA PRIMEIRA PISTA DE PETANCA


O Concello de Salceda de Caselas está a construír nestes días a que será a primeira pista de petanca habilitada no municipio e que neste caso estará instalada xunto ao parque infantil da parroquia de San Xurxo, no recinto no que se atopan tanto a Igrexa como o Centro Cultural. A solicitude desa pista de pentanca fora trasladada ao Concello pola Asociación de Veciños de San Xurxo, e paralelamente por un colectivo de persoas afeccionadas a practicar este deporte, moi coñecido en Francia e Cataluña pero que nos últimos tempos está a ter cada vez máis presenza nesta zona. De feito, un grupo de persoas traballa xa na creación dun clube federado para participar en diferentes ligas e torneos de petanca. É un deporte moi apropiado para maiores, pero tamén para xente nova, xa que se require moita destreza, non necesita unhas condicións físicas especiais e, non ten risco de lesións.

Xunto coa creación desta pista estanse a levar a cabo obras de mantemento e mellora do parque infantil de San Xurxo, que agora compartirá espazo coa petanca. Así, procedeuse á reparación dos xogos estropeados e á reubicación dalgúns deles para un maior aproveitamento do espazo. Nos vindeiros días colocarase tamén unha fonte para dar por ramatado o espazo, no que se prevén que pasen a convivir persoas de tódalas idades tanto da parroquia de San Xurxo como das restantes parroquias do Concello.

Loli Castiñeira, Concelleira de Parques e Xardíns, agradeceu o enorme traballo que está a realizar a Asociación de Veciños de San Xurxo, así como o seu hábito de comunicación constante co Concello, demostrando unha vez máis que a colaboración entre entidades ofrece sempre os mellores resultados. Así mesmo, destacou a importancia da dinamización das diferentes parroquias de Salceda: “queremos dar máis vida aos nosos parques e xardíns dotándoos de actividades alternativas que se poidan practicar alí e que melloren a usabilidade por parte da cidadanía. Por iso, cremos que esta pista de petanca que solicitaron é unha boa iniciativa para impulsar máis os deportes e xogos populares e tamén para dar a coñecer máis os espazos de uso público”.

Deja un comentario