+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

ESTE SÁBADO CELÉBRASE A I FEIRA DA CIENCIA E DA LITERATURA EN BUEU


O evento busca unir estas dúas disciplinas e terá lugar durante toda a xornada na carpa da Praza Massó, onde se combinarán diversas actividades e postos para público familiar

É un proxecto innovador e que leva xestándose dende hai case un ano, cando Carmen Miñambres e Luísa Conde, dúas profesoras do IES Johán Carballeira de Bueu decidiron crear unha iniciativa que fose capaz de unir a ciencia e a literatura. Estas dúas disciplinas estiveron durante moito tempo en compartimentos estancos, pero na actualidade xa se está alertando da necesidade de que fiquen xuntas. Con este obxectivo materializouse a I Feira da Ciencia e da Literatura, que terá lugar durante todo o sábado 14 de abril na carpa da Praza Massó de Bueu, e na que colaboran o Concello de Bueu, así como outras entidades, caso dos colexios da vila ou o Museo Massó, entre outras moitas. Precisamente hoxe tivo lugar a rolda de prensa na biblioteca do instituto, “centro neurálxico onde xurdiu todo”, nun acto no que estiveron o alcalde Félix Juncal, e a concelleira de educación, Teresa López, ademais de Adoración de la Fuente, inspectora de educación, Asun Soñora, directora do instituto, e representantes dos diversos centros educativos da vila e outras persoas colaboradoras.
Esta feira inaugurarase o sábado ás 12.00 horas, e terá por obxectivo “levar a ciencia á rúa e amosar a relación que hai na literatura e como se pode aprender de xeito transversal”, tal e como destacou Luísa Conde. Así mesmo, tamén conta cunha parte solidaria, a través de diversos agasallos elaborados ou doados por diversos colectivos para doar a nenos e nenas refuxiados. Segundo destacou a directora, “é un traballo de moitos anos no instituto, que se materializa agora nesta feira” que inclúe varios postos nos que se relacionarán diversos libros coas respectivas temáticas científicas, coa finalidade de mostrar ao mundo que se pode soñar e aprender ao mesmo tempo. Así, a través de Batman a rapazada traballou sobre a temática dos morcegos, e con Os nenos da varíola, de María Solar, sobre a necesidade das vacinas. Ao traverso de La evolución de Calpurnia Tate xirará a explicación sobre “Vexo, vexo … e ademais penso”, con Septiembre puede esperar, de Susana Fortes, “Matemáticas en guerra”, con Frankenstein, a de “A faísca da vida”, con El marciano, “Morrer en Marte? A ciencia vaime axudar”. E por último, A Illa Misteriosa axudaranos a reflexionar sobre a especie humana baixo o título de “Do lume ao xabón, pero primeiro saber onde estou”, culminando co clásico de Julio Verne, 20.000 leguas de viaxe baixo os mares, co que se aproveitará para tratar sobre “O mundo de Nemo e moito máis”.
Así mesmo, en paralelo desenvolveranse diversas actividades para un público familiar, caso das sesións de contacontos “O peixe Arcoiris”, que terán lugar ás 12.30 e ás 18.30 horas, ou os obradoiros organizados coa colaboración do Museo Massó, como o de “Xulio Verne”, que se celebrará ás cinco da tarde, e o de “Orientarse no mar”, a partir das seis, para os que se require inscrición previa no teléfono 886 151 101. Pola súa banda, o doutor Eirea impartirá unha charla de desfibriladores na carpa pequena ás 19.00 horas, seguida observación- charla astronómica, que será o broche final para a feira ás nove da noite.
Os postos estarán abertos en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas e, como ben destacou o alcalde durante a rolda, “é un proxecto pioneiro que foi capaz de unir a toda a comunidade educativa e de contar cun fin solidario”.

Deja un comentario