+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

A EXPOSICIÓN SOBRE ÁRBORES SINGULARES INICIA A ITINERANCIA NESTE ANO EN BARRO


A mostra, organizada polo departamento de Cultura e Lingua en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro, poderá visitarse na Casa do Concello ata o 29 de abril
A exposición ‘As nosas senlleiras’, organizada polo departamento provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada esta tarde na Casa do Concello de Barro pola deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, polo alcalde da localidade, Xosé Manuel Abraldes, e pola comisaria Begoña Fernández Lorenzo. Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 29 de abril, preténdese poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia e dar a coñecer as características das árbores máis singulares. Ademais, está programada unha actividade complementaria que, baixo o título ‘Verbas no monte’, combina música con narración oral e que está especialmente dirixida a público infantil e escolar. Terá lugar o venres 27 de abril ás 10h na sala de exposicións da Casa Consistorial.
A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Neste sentido, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, asegura que “amosar estas auténticas reliquias botánicas, de xeito visual e didáctico parécenos un acerto para achegar este tipo de contidos ao público, porque nos permite facernos un mapa da súa localización e coñecer as súas singularidades e características extraordinarias”. Hai que lembrar que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro é un centro de investigación en materia forestal e agraria dependente da Deputación e que, nesta ocasión, participou na coordinación técnica da exposición ao tempo que facilita o material botánico, isto é, as pequenas árbores que acompañan aos paneis.
A deputada nacionalista indicou, durante a súa intervención, que “tamén esperamos que o coñecemento destas árbores e formacións promova as axeitadas actitudes de conservación e defensa que corresponden ante un patrimonio desta magnitude.” O rexedor municipal, Xosé Manuel Abraldes puxo o acento na colaboración do concello cos centros educativos asegurando que “esta exposición vainos permitir organizar unha serie de actividades educativas importantes, porque durante o que resta deste mes imos ter aquí un recurso de primeira orde para o equipo docente dos colexios, que permitirá difundir e traballar co patrimonio natural da provincia”. Unha idea na que tamén se centrou a comisaria Begoña Fernández Lorenzo, quen afirmou que “o obxectivo é que o público poida coñecer a provincia de árbore en árbore, polo que fixemos un esforzo especial na perspectiva didáctica, para que sexa accesible a todo tipo de públicos, independentemente da idade ou do nivel de coñecementos previos”.
Ademais das 35 árbores seleccionadas que aparecen referenciadas de xeito individual, a exposición tamén se inclúe un mapa coas 48 árbores senlleiras e 9 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade. Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables -tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza-, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.
‘As nosas senlleiras’ é unha mostra que xa formara parte da programación cultural da Deputación durante o pasado exercicio, cun percorrido por varios concellos. Neste 2018, esta exposición comezará a súa itinerancia en Barro e continuará por O Rosal, As Neves, Marín e Mos.

Deja un comentario