+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

A DEPUTACIÓN PRESENTA UNHA ‘GUÍA DE MOBILIDADE AMABLE’ QUE XA É REFERENTE PARA OUTRAS ADMINISTRACIÓNS ANTES DA SÚA EDICIÓN IMPRESA


O Colexio de Enxeñeiros de Galicia xa está a traballar co documento, que tamén será presentado no XXIV simposio da Asociación Española de la Carretera o 25 de abril en Valencia

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, presentou hoxe a súa ‘Guía de Mobilidade amable dos espazos públicos’, un documento técnico que xa é un referente para outras administracións e para o sector antes incluso da súa edición impresa. Segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia xa está a traballar con este manual, que tamén será presentado ante outras institucións do estado no XXIV simposio da Asociación Española de la Carretera o vindeiro 25 de abril en Valencia. “Este traballo ten unha transcendencia enorme non só para a provincia de Pontevedra, senón para fóra. Vai potenciar a senda da mobilidade amable e segura e o papel que xoga a Deputación de Pontevedra neste ámbito”, asegurou.

Mosquera explicou que este manual é unha guía na que se reflicten as determinacións e condicións que deben cumprir as obras no espazo público para adaptarse á filosofía de seguranza viaria e mobilidade sustentable pola que aposta a Deputación, seguindo o criterio de que a principal prioridade é deseñar espazos para as persoas.

O vicepresidente lembrou que estando na oposición, durante o anterior goberno do PP, o BNG presentara unha proposta de ordenanza viaria que finalmente foi aprobada e que aínda está vixente, pero subliñou que “co tempo fomos vendo que necesitábamos unha actualización e metémonos nunha aventura: o deseño da guía”, dixo. A partir de aí, contratouse unha asistencia técnica ao enxeñeiro de camiños e experto en mobilidade urbana Fernando Nebot e foi desenvolvéndose un traballo colectivo xunto ao persoal e asesores provinciais e incluso do Concello de Pontevedra.

“O traballo non era nada fácil. Aquí no Estado español o último que hai publicado é do 1997 polo Ministerio de Obras Públicas, pero o resultado do traballo -dixo Mosquera- é seguramente o documento máis completo e máis avanzado que exista na actualidade en todo o mundo” tanto porque recolle toda a bibliografía existente (de Australia, Nova Zelanda, EE UU, Canadá, México, Sudamérica, Xapón, España…) dende a máis antiga a máis nova, como porque ese material está “fertilizado” coa experiencia na provincia de Pontevedra, coas actuacións que se foron facendo e axustando na práctica.

O documento é basicamente propositivo e dá determinacións concretas, por exemplo, sobre como iluminar pasos de cebras, ou da maneira de executar os lombos adaptándoos ás diferentes vías e velocidades. “Dificilmente vai haber un traballo tan actualizado e tan sistemático. Non só é un traballo teórico, senón que vai ter unha transcendencia práctica e administrativa”, subliñou o nacionalista, quen explicou que os proxectos que optan a subvencións provinciais ao abeiro do plan DepoRemse teranse que adaptar aos criterios da nova ‘Guía de mobilidade amable’, xa que a súa puntuación irá en función da súa adecuación.

A guía ten apartados referidos á ‘Cidade como escenario de encontro para a construción da vida colectiva e á rúa como espazo multifuncional’, ‘Criterios xerais: o contexto da proposta peonil e a integración do peón no feito urbano e rururbano’, as ‘Novas prioridades no deseño e uso da rúa e das vías públicas’, ‘Recomendacións de deseño de vías e espazos públicos para o fomento da mobilidade amable, a seguridade viaria e a calidade urbana’, ‘Características técnicas do redutores e lombos’, así como un epílogo. Tamén hai catro anexos nos que se fala de ‘PPS e mesetas. Casos específicos: rúas e estradas con pendentes significativas desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra’, ‘Redutores físicos de velocidade circulares. Algúns exemplos desenvolvidos pola DEPO’, ‘ Proposta de instrución de deseño de dispositivos de precaución da DEPO’ e ‘Proposta de protocolo de actuación de seguridade viaria na DEPO’.

Polo de agora a ‘Guía de mobilidade amable’ pode consultarse en versión dixital na páxina web da Deputación (www.depo.gal) e en breve estará dispoñible de xeito extensivo tamén en formato impreso, que se distribuirá entre os concellos da provincia e todas as administracións interesadas. Tamén se está a traballar nunha edición en español.

Xornadas explicativas
A experiencia recollida e sistematizada na guía sobre o tratamento dos espazos públicos xa ten espertado grande interese por parte de institucións públicas do resto do Estado que eran coñecedoras do traballo que estaba a desenvolver a Deputación. Neste sentido, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia xa está a traballar coa guía como un documento de referencia. De feito, o representante do Colexio na provincia de Pontevedra, Francisco Alonso, asegurou hoxe que o documento está a ser moi demandado por consultoras “xa que contrasta teoría e práctica”.

A intención da Deputación é realizar no mes de maio, en Pontevedra, unhas xornadas para explicar o contido de xeito pormenorizado e aclarar as dúbidas que poida haber ante técnicos provinciais e de concellos, consultorías e empresas que traballan coas administracións públicas.

Así mesmo, dentro de 15 días, persoal do departamento de Mobilidade -co deputado Uxío Benítez á cabeza- desplazarase a Valencia ao XXIV simposio da Asociación Española de la Carretera, titulado este ano ‘El trinomio de las carreteras locales. (Adminsitración+empresas) x Ciudadanos’, onde exporán o traballo ante representantes políticos e técnicos de gobernos locais, provinciais e autonómicos do resto do estado español.

Segundo apuntou o propio deputado de Mobilidade, a guía é un desenvolvemento do decáolo aprobado polo novo goberno provincial para actuar nas vías provinciais. “Ao primeiro había algunhas reticencias dos alcaldes para aplicalos, pero a realidade no noso departamento é que ao desenvolver os proxectos segundo eses criterios hai unha grande satisfacción co resultado final. Nós facemos os proxectos pensando no futuro. Estamos a ser moi adiantados, pioneiros, e xa o dixemos dende o primeiro momento: nós queriamos facer outro tipo de actuacións cando chegamos ao departamento de Mobilidade”, finalizou.

Deja un comentario