+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ADXUDICA CEN OBRADOIROS DE “DEPO EN MARCHA 2018” PARA ENTIDADES DE 37 CONCELLOS DA PROVINCIA


“As persoas maiores viven cada vez máis situacións de soidade e as administracións debemos poñer en marcha alternativas para frear esta situación”, asegurou a presidenta

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a adxudicación de cen obradoiros do programa “Depo en marcha 2018” para entidades de 37 concellos da provincia. Estes obradoiros, dirixidos a entidades de maiores, persoas pensionistas, prexubiladas, xubiladas e outras entidades sociais da provincia, naceron, tal e como explicou Silva, “porque as persoas maiores viven cada vez máis situacións de soidade e as administracións debemos poñer en marcha alternativas para frear esta situación, favorecer o envellecemento activo e evitar situacións de aillamento”.

O programa “Depo en marcha 2018” espallará pola provincia de Pontevedra obradoiros englobados nas áreas temáticas de “Traballando coas mans”, “Entre fogóns”, “Aprendendo da natureza”, “Móvete”, “Activando corpo e mente”, “Enredando”, “Dálle marcha” e “En rede”. Os principais obxectivos desta iniciativa da Deputación son, tal e como detallou a presidenta da institución, “favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros que axudan a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e fomentar a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade”.

En total, tal e como adiantou Carmela Silva, “ofertábamos 100 obradoiros e foron 266 as entidades que solicitaron participar en “Depo en marcha 2018” o que pon en valor a altísima interese que hai no programa. De feito, o ano pasado participaron nesta iniciativa preto de 3.000 persoas da provincia”.

Deja un comentario