+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

BUEU ACOLLE A 3ª EDICIÓN DO ENXEBRE SWING FESTIVAL, QUE SE CELEBRARÁ DO 17 AO 20 DE MAIO


O evento contará con clases de baile, festas con banda de swing en directo, ruta guiada por Cabo Home e pasarrúas pola vila

O municipio de Bueu será o escenario da 3ª edición do Enxebre Swing Festival, un festival dedicado á música e aos bailes swing que se celebrará do 17 ao 20 de maio en varias localizacións da vila. Así o salientaron os organizadores de Swing On School, Jorge Patiño, Laura Rosales e Elena Branco, e o deputado de cultura, Xosé Leal durante unha rolda de prensa celebrada na Praza de Abastos e na que tamén houbo unha exhibición de baile.
O festival, que contará con clases de baile, festas con banda de swing en directo, ruta guiada por Cabo Home e pasarrúas por Bueu, está organizado por Swing On School, unha escola de bailes vintage americanos que leva seis anos impartindo clases en Bueu, Cangas, Vigo e Pontevedra. Tal e como destacou Elena Branco, “este baile destaca polo seu ambiente familiar e como un punto de encontro entre persoas de diversas idades”. Esta idea tamén foi apuntada polo concelleiro de cultura, Xosé Leal, quen apuntou que “o festival é unha boa oportunidade para gozar dunha cultura e coñecer Bueu e os nosos espazos”.
Segundo explicaron, as clases de baile, que se celebrarán entre o Hotel Incamar e unha carpa situada no Campo de Fútbol da Estacada, estarán dedicadas ao lindy hop e a outros bailes swing, e nelas poderán participar tanto persoas coñecedoras nestes estilos de baile como as que se queiran iniciar. Estas clases estarán impartidas por profesorado de Swing On School, ademais de que contar con recoñecidas parellas de baile que se desprazarán ata o festival, como son Beatriz Barrientos e Montse Carmona, desde Girona, Fosy Rock e Andrea Dhanae dende Vitoria; Abeth Farag dende Lisboa e Javier Santos dende Mallorca.
Ademais, o festival contará con dúas festas de acceso libre no Aturuxo Bar, e outras dúas que se celebrarán na carpa do Campo de Fútbol da Estacada, estas últimas amenizadas pola banda cacereña Berzosax Ensemble.
Unha das actividades estrela deste evento será o “Pasarrúas” coa mesma banda, que tocará polas rúas de Bueu realizando pequenas paradas nalgúns dos establecementos da vila, con saída dende La Perfecta e continuando polo Leña Verde, O Farol e Aturuxo Bar.
As entradas para as diversas actividades xa se poden adquirir a través da páxina web www.enxebreswingfestival.com e tamén en Aturuxo Bar (Bueu) e Salason (Cangas). Para iso, hai diversos pases:
– Pase Esmorga: independentemente de se se baila ou non, con este pase poderase acceder ás catro festas do festival, do xoves 17 ao domingo 20. O prezo é de 25 €.
– Pase Cheirón: para quen se quere iniciar neste tipo de baile, inclúe seis horas de clase entre o xoves 17 e o venres 18 de maio, ademais de acceso ás catro festas do festival, do xoves 17 ao domingo 20. O prezo é de 55 €.
– Pase Cabra: para as persoas que xa bailan swing e queren perfeccionar. Inclúe nove horas de clase entre o venres e o domingo, ademais de acceso ás catro festas do festival, do xoves 17 ao domingo 20. O prezo é desde 135 €.
– Actividades de libre acceso: Festa Swing no Aturuxo o xoves 17 ás 21.00 horas, pasarrúas con Berzosax Ensemble o sábado 18 ás 20.00 horas e festa swing no Aturuxo Bar o domingo 20 ás 21.00 horas.

Deja un comentario