+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

O CONCELLO ABRE A CAMPAÑA DE PREVENCIÓN DE LUMES ESIXINDO A LIMPEZA DE FINCAS E FRANXAS DE PROTECCIÓN


Os propietarios deberán eliminar a masa vexetal e determinadas especies arbóreas do interior dos núcleos antes do 31 de maio

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de poñer en marcha a súa campaña de prevención de lumes forestais 2018 coa esixencia de limpeza e desbroce de fincas e das correspondentes franxas de protección antes do vindeiro 31 de maio. Para elo, vén de publicarse un completo bando informativo, que se distribuirá polas 21 parroquias do termo, e comezaron a remitirse cartas a todos os domicilios.

Nestes documentos explícase que, en base á Lei 3/2007 de prevención de lumes forestais, os titulares de parcelas e terreos situados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural deberán telos nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes da citada data, que é cando se estima que se active a época de alto risco de incendios.

Ademais, engádese que tamén se deberán limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte. Por último, engádese que no interior dos núcleos e nas citadas franxas de 50 metros tampouco poderá haber determinadas especies arbóreas, como piñeiros, acacias, eucaliptos, toxos ou xestas, e que as plantacións deben efectuarse respectando as distancias establecidas na Lei de Montes.

Campaña de vixilancia

No bando explícase que o Concello vai emprender unha campaña de vixilancia para a comprobación destas medidas a partires do 30 de xuño e, no caso de detectar algún incumprimento, sexa de oficio o por algunha solicitude veciñal, procederase a efectuar unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza.

Os donos que obvien esta normativa poderán verse inmersos na incoación dun expediente sancionador que podería acarrexar multas de entre 1.000 e 10.000 euros e ademais o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de desbroce repercutindo posteriormente o custo ao propietario. No caso de parcelas con dono desconocido, poderá

executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza.

Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.

O presidente municipal, Jorge Cubela, quixo agradecer “a crecente colaboración e responsabilidade” da meirande parte dos propietarios de Cerdedo-Cotobade nestas tarefas “para protexer o medio ambiente, as aldeas e as vidas de todos os veciños” e fixo un chamamento para que realicen estes traballos no vindeiro mes e medio “co obxectivo de ter o noso termo nas mellores condicións para afrontar a época de alto risco de lumes”.

Deja un comentario