+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

UNHA NOVA FEIRA CENTRADA NO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA INCORPÓRASE O 26 E 27 DE OUTUBRO AO CALENDARIO DA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA


ESTA MAÑÁ TIVO LUGAR UNHA PRIMEIRA REUNIÓN DE TRABALLO NO RECINTO

O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará os días 26 e 27 de outubro a primeira edición dunha nova feira centrada no transporte de viaxeiros por estrada.

Así se decidiu esta mañá nunha primeira reunión de traballo que estivo presidida polo director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, quen expresou a “colaboración cen por cen” da Administración galega, e á cal acudiron representantes de destacadas empresas do sector, como Man, Scania, Iveco, Volvo e King Long.

Este encontro inicial, que tivo lugar nas oficinas do recinto feiral, dará paso a nunha reunión do comité organizador prevista para o mes de xuño co propósito de avaliar a marcha da feira. Mentres, nos vindeiros días, establecerase o nome e imaxe corporativa do certame, ademais doutros aspectos relativos ao seu desenvolvemento.

Este salón estará especializado no transporte de viaxeiros por estrada, sendo o seu obxectivo converterse en punto de encontro para empresas e profesionais vencellados a este ámbito

Será un escaparate no que se mostrarán as novas tendencias no sector, así como as innovacións que poda presentar a súa industria auxiliar e servizos relacionados. Así mesmo, a súa vertente expositiva completarase cun programa de actividades relacionadas, entre as cales se incluirán conferencias, presentacións, demostracións ou reunións sectoriais.

Este proxecto dará continuidade á feira do sector do trasporte celebrada ata datas recentes no recinto Expourense, o cal pasa a testemuña á Feira Internacional de Galicia ABANCA para levar a cabo este novo evento desexándolle que sexa un éxito nas súas instalacións.

Novos eventos e sectores

Coa organización deste salón a Feira Internacional de Galicia ABANCA segue a incorporar novos eventos ao seu calendario de 2018, sumando este certame ao encontro da firma de maquinaria agrícola New Holland celebrado o pasado martes e ao I Salón Motor OKasión Galicia, que terá lugar do 28 de abril ao 1 de maio.

Así mesmo, con este certame a entidade feiral inclúe un novo sector no seu ámbito de traballo e segue a avanzar no seu obxectivo de diversificación da actividade.

Deja un comentario