+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN APROBA AS SUBVENCIÓNS PARA QUE OS CONCELLOS DA PROVINCIA REDACTEN OS SEUS PLANS DE MOBILIDADE SUSTENTABLE


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que 38 concellos se beneficiarán dun investimento provincial de 521.000 euros
A Xunta de Goberno provincial celebrada hoxe na Deputación aprobou a adxudicación das subvencións da convocatoria de Plans de Mobilidade Sustentable (PMS) destinadas a concellos de menos de 50.000 habitantes. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, finalmente beneficiaranse das axudas 38 municipios da provincia por un importe total de 521.000 euros.

Benítez explicou que foron 42 os municipios que presentaron solicitude, o que supón dous de cada tres dos que podían presentarse á convocatoria. “Isto –lembrou- obrigou ao departamento a ampliar de 300.000 a case o doble o crédito previsto para facer fronte ás axudas, cumprindo co compromiso dado de cubrir todas as solicitudes”, explicou. Engadiu que finalmente, unha vez examinada a documentación presentada, tiveron que ser excluídas as peticións de Cuntis, Bueu e Ponteareas por non aportar unha certificación esixida nas bases, e o Concello de Oia por presentar a súa solicitude fóra de prazo.

Así, serán beneficiarios das subvencións 13 concellos de máis de 12.000 habitantes, que recibirán unha achega máxima de 20.000 euros: Vilagarcía, Redondela, Lalín, Nigrán, Gondomar, Porriño, Poio, Sanxenxo, Mos, Tui, Moaña, Cangas, e Tomiño; outros seis concellos de entre 6.000 e 12.000 habitantes, que recibirán 15.000 euros de máximo cada un: Salceda de Caselas, Silleda, Caldas, O Rosal, O Grove, e Soutomaior; e 19 concellos de menos de 6.000 habitantes, que recibirán un máximo de 9.000 euros cada un: Fornelos, Moraña, Catoira, Mondariz Balneario, Pontecesures, Campo Lameiro, Covelo, Portas, Meaño, As Neves, Valga, Pazos de Borbén, A Lama, Arbo, Ponte Caldelas, Mondariz, Vila de Cruces, Forcarei e A Illa de Arousa.

Unha vez se lle comunique aos concellos a concesión das axudas, estes terán que sacar a licitación os PMS, contando cun prazo dun ano para a súa redacción e entrega á Deputación, que deberá supervisalos tecnicamente antes do pago. Os PMS deben ter uns requisitos técnicos mínimos para garantir a súa aptitude, debe haber cofinanciamento por parte de cada concello do 25%, e deben ser aprobados en Pleno para garantir a súa executabilidade.

 

Ferramenta de planificación
Os plans serán unha ferramenta fundamental para que os concellos poidan tomar decisións sobre a rede de estradas e espazos públicos, para optimizar recursos e actuacións propias, e para poder acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.

O obxectivo destes documentos será modificar a mobilidade urbana nas vilas e concellos da provincia promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía. De feito, os PMS subvencionados pola Deputación deberán recoller de forma clara a priorización de actuacións e a metodoloxía proposta para executar actuacións concretas de forma que faciliten a xestión futura por parte dos responsables municipais.

Cada PMS deberá incluír unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e medio ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás. Ademais, deberá identificar problemas e retos, unha definición de liñas estratéxicas, e unha delimitación de propostas e obxectivos específicos, entre os que destacan as medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados (peonalizacións, creación de sendas peonís, carrís bici…), medidas de reordenación e mellora do transporte público, de mellora e xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, medioambientais e de protección e de fomento e regulación en centros atractivos de actividade.

Finalmente, os PMS deberán concretar un plan de implantación cun cronograma orzamentado para concretar os obxectivos en proxectos de obras concretas, que poderán ser financiadas tanto por fondos municipais, provinciais, autonómicos, estatais como fondos europeos.

Deja un comentario