+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

AS LUMINARIAS DE LUIS ROCAFORT EN SANXENXO, RECOÑECIDAS COMO MELLOR PROXECTO DE ILUMINACIÓN POLO COLEXIO DE ENXEÑEIROS INDUSTRIAIS NOS ‘PREMIOS GALICIA ENERXÍA 2018’


O deputado Uxío Benítez explica que os báculos tamén foron seleccionados entre os 20 deseños máis relevantes do salón de iluminación máis prestixioso do mundo: o ‘Light+Building’ de Frankfurt

As luminarias instaladas pola Deputación na reforma da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo reciben hoxe oficialmente en A Coruña o premio como mellor proxecto de iluminación nos ‘Premios Galicia Enerxía 2018’ concedidos polo Colexio de Enxeñeiros Industriais. Os recoñecementos a estes báculos incluídos no deseño provincial para a nova rúa non paran aí. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, as farolas –con algunhas variacións- tamén foron seleccionadas entre as vinte propostas máis innovadoras do salón de iluminación máis prestixioso do mundo: o ‘Light+Building’ celebrado en Frankfurt o mes pasado.
Benítez manifestouse moi satisfeito polo premio concedido e destacou que dende a súa concepción, o proxecto de mellora de Luis Rocafort foi plantexado como un exemplo do cambio na maneira de traballar do novo departamento de Mobilidade da Deputación: “potenciando a calidade urbana, o deseño e a aposta por crear espazos prioritarios para as persoas sempre tendo en conta a innovación”.
De feito, o asesor provincial Jesús Fole, encargado do proxecto da vía, tamén participou no deseño das farolas, desenvolvidas pola empresa Setga, sempre co obxectivo de presentar un aspecto atractivo combinado cunha tecnoloxía das máis punteiras do mundo. “Sabiamos que esta estrada, pola súa concepción global, ía ser unha referencia tanto en Pontevedra como no exterior e por iso defendemos o proxecto: os feitos estannos a dar a razón”, subliñou.
O recoñecemento dado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais ás luminarias –nomeadas como ‘Serie Talo’-, ademais de valorar as cuestións estéticas e de eficiencia, tamén tivo en conta que o desenvolvemento dos compoñentes para a súa fabricación foi encargado a empresas da comarca de Pontevedra nun 93% (galegos nun 98%). Setga foi unha parte da cadea, pero tamén estiveron presentes outras firmas tales como Cristal Pontevedra para os traballos de vidro, auxiliares de Citröen para os compoñentes electrónicos, ou empresas que traballaron cos metais para o soporte: Pódese dicir, por tanto, que o resultado é ‘made in Galiza’.
Tal e como apuntan dende Setga, desde o punto de vista estético, “poucos recoñecerán a ‘Talo’ como unha fonte de luz durante o día, pero todos na actualidade podemos apreciar a súa atmosfera, calidade lumínica e natureza interactiva durante a noite”.
As luminarias, de feito, foron concibidas como unha escultura urbana inspirada no mastro e as velas dun barco, proporcionando á vía pública eixos referenciais moi acentuados. Cada peza destaca pola súa capacidade de responder o concepto ‘Hidden technology’, “permitindo aos cidadáns experimentar o mellor da última tecnoloxía urbana sen sentirse invadidos e dominados por ela”.
Por iso, esta serie de Setga foi un elemento central no salón de iluminación máis importante do mundo en Frankfurt durante o pasado mes de marzo, integrando diversos servizos urbanos na súa estrutura como poden ser puntos de carga para vehículos eléctricos, unha baliza interactiva que acentúa a percepción do paso de peóns, a tecnoloxía Circadionic capaz de adaptar a temperatura de cor LED ao ritmo circadiano dos persoas, e un sistema de telexestión punto a punto que controla todos estes servizos. “O máis importante da serie galardoada polo ICOIIG –din dende Setga- é a súa capacidade para integrar as tecnoloxías máis avanzadas de forma compacta e imperceptible, logrando un alto grao de harmonización coa contorna”.

Deja un comentario