+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

VAQUEIRO RECUPERA PARA O POBO O CASINO DE OS PRADOS


O Presidente da Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta asinou a escritura de obra nova do Casino de Os Prados, último paso para recuperar este espazo a nome do pobo de Xesta, despois de que aparecese a nome do Arcebispado de Santiago de Compostela na última revisión catastral de 2014.

O Casino de Os Prados é a casa do pobo máis grande do Concello da Lama, con case 1000 metros cadrados repartidos en tres baños, cociña industrial, varios salóns de actividades e adegas. Foi construído no ano 1971 por unha comisión de veciños encabezada polo entón presidente da Comisión de Festas, Adolfo Costal.

Na última revisión catastral a solicitude do Concello da Lama no ano 2014, o catastro cambiou a titularidade do Casino de Os Prados a favor do Arcebispado de Santiago de Compostela, a cal xerou un forte descontento entre os veciños da parroquia e a mobilización do seu presidente Enrique Vaqueiro, para que o arcebispado renunciase á súa titularidade.

“Coa formalización desta escritura o Casino pasou novamente a ser do pobo, o que sempre foi o seu propietario, e bórrase unha mancha patética na historia da administración da Lama, na que estiveron a piques de quitarnos o que era noso”, afirmou Vaqueiro.

O casino actualmente atópase nunhas obras de acondicionamento para cumprir co compromiso de realizar unha serie de actividades para nenos desde a Asociación Déficit de Atención e Hiperactividade de Pontevedra, asociación á que se cedeu o casino para o devandito fin.

Deja un comentario