+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

VAQUEIRO PIDE MÁIS ESPAZOS PARA RECICLAXE NA LAMA


Enrique Vaqueiro, portavoz do PSdeG-PSOE na Lama, pediu que o concello distribúa máis espazos de reciclaxe entre as parroquias da Lama durante os próximos meses.

“Existe unha maior conciencia entre a poboación para separar o papel, o cristal, aceites usados ou pilas, pero o concello non ten os espazos nas parroquias para poder distribuílos; por esa razón pedimos polo menos tres contedores de cristal, un contedor de aceite usado, un de pilas en cada casa do pobo e dous de papel para cada unha das parroquias da Lama”, afirmou Vaqueiro.

“É evidente, que aínda que o cidadán teña a vontade de reciclar, é moi difícil se ten que transportar o lixo a tres ou catro quilómetros da súa casa, polo que o concello pode facer moito para cumprir cun obxectivo que beneficia a todos”, explicou Vaqueiro.

Actualmente, no concello da Lama hai núcleos de poboación que soamente teñen contedores verdes simples, e non contan con ningunha outra alternativa. Núcleos nos que viven corenta ou cincuenta persoas.

O concelleiro comprometeuse a presentar unha relación de núcleos nas parroquias onde son necesarios os contedores alternativos no prazo dun mes a través dun estudo detallado da situación para os distintos tipos.

Deja un comentario