+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

PP E PSOE FORZAN AOS PROVEDORES A ACUDIR AO XULGADO


Os provedores afectados pola negativa do PP e o PSOE a pagarlles as súas facturas veñen de presentar un recurso contencioso administrativo no Xulgado que lles permita cobrar o que lles debe o Concello. Despois de que o Equipo de Goberno levase en dúas ocasións ao Pleno o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito e que nas dúas ocasións tanto PP como PSOE impedisen a aprobación do mesmo, as/os autónomas/os e empresas afectadas non lles quedou outra saída máis que presentar unha demanda xudicial, tal como xa fixeran no ano 2016 cando, ao igual que nesta ocasión, os grupos da oposición de Salceda se negaron ao pago das facturas pendentes, emitidas por diversos servizos e suministros feitos para o Concello.
Denuncian dende Movemento Salceda a enorme irresponsabilidade dos grupos da oposición antepoñendo unha vez máis os seus intereses sobre os intereses das empresas e autónomos/as que traballan para o Concello de Salceda, e o que é máis grave, sobre os intereses dos propios veciños e veciñas. O Recoñecemento Extraxudicial de Crédito é unha figura legal que permite ás empresas cobrar polos seus servizos sen ter que recorrer aos xulgados, pero PP e PSOE empregaron unha vez máis a súa maioría para bloquear a acción de Goberno nunha nova pinza que comeza a ser xa demasiado habitual.
Dende o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) lamentan que a cuestión tivese que rematar por vía xudicial “polo afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE”. O Alcalde, Marcos Besada, manifestou que “PP e PSOE seguen sen asumir a súa derrota nas urnas e queren gobernar o Concello dende a oposición. O que están a facer cos provedores do Concello é verdadeiramente surrealista e moi grave, impedíndolles cobrar polos traballos realizados, e empregándoos como chantaxe ante o Equipo de Goberno”.

Deja un comentario