+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

O CONCELLO ELEVA O SEU ORZAMENTO 2018 UN 3,3% ATA OS 5,11 MILLÓNS CON INVESTIMENTOS PROPIOS DE 1,46 MILLÓNS


As actuacións en novas infraestruturas e servizos financiadas por outras administracións suporán 6,6 millóns de euros neste exercicio

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar o seu proxecto de Orzamento Municipal 2018, que se eleva un 3,3% en comparación co do exercicio anterior e se sitúa na cifra récord de 5.118.141 euros. As contas, nas que destaca a realización de investimentos propios por 1.460.584 euros, debatiranse a vindeira semana na Comisión de Facenda.

O orzamento, o segundo do municipio tras a unificación de contas derivada do proceso de fusión, consolida á alza a cifra dos 5 millóns de euros, que supoñen un 50% máis dos aproximadamente 3,3 millóns que tiñan as entidades de Cotobade e Cerdedo por separado. Ademais, esta cifra acádase malia un lixeiro descenso das transferencias procedentes doutras administracións, “o que demostra que, máis aló dos demostrados incentivos e beneficios económicos que reporta a fusión, temos un dinamismo propio que nos permite subir a cantidade en 162.000 euros”, detallou o presidente, Jorge Cubela, que engadíu que “son unhas contas que asentan as bases do concello, actuando parroquia a parroquia e lugar a lugar, e que se complementan cos moitos recursos que se acadan con xestión política e petando nas portas de todas as administracións”.

O aspecto máis destacado das contas para o presente exercicio son os investimentos, que se sitúan en 1,46 millóns de euros distribuídos en 1,21 millóns para actuacións directas do Concello e 248.328 euros en subvencións nominativas a comunidades de augas e de montes para a construción de depósitos de augas e outras melloras no abastecemento.

En canto a investimentos directos, acometeranse a urbanización e aparcadoiro da Chan (101.653 euros de aportación municipal dun total de 607.000 euros), a mellora da pista deportiva de Cerdedo (101.027), a reforma da Casa do Emigrante de Carballedo (165.000), o acondicionamento da planta alta do almacén municipal (165.495), o ensanchamento do camiño do Quinteiro, Ponte, en Cerdedo (100.481), mellora de camiños municipais en Cerdedo co acceso a Esbarrela e outros (120.602), pavimentacións en Sacos, San Xurxo e Viascón (160.575),

accesos a Carballedo, Loureiro, Famelga e Valongo e execución de cunetas (145.650) e mellora nas comunicacións da parroquia de Tenorio e ensanchamento de camiño de Vilanova (151.769).

Tamén se contemplan 60.000 euros para a redacción do proxecto de construción da futura residencia da terceira idade de Carballedo, inmersa na súa tramitación urbanística, e 38.000 para o da futura Casa do Pobo de Tenorio, unha parroquia na que tamén se investirán 120.000 euros para a reforma do local da Banda de Música.

Abastecementos e loita contra os lumes

Ademais, tras a primeira fase de construción de depósitos de auga para abastecemento e loita contra os lumes forestais con sete actuacións no territorio de Cerdedo, neste orzamento recóllense novas axudas nominativas para obras similares a prol das comunidades de augas de Boliñas (12.000), Rebordelo (12.000), Cuqueira (7.000), Xesteira (12.000), Susteliño (5.000), Ponte Borela (29.500) e Coutiño (68.712) e das comunidades de montes de Vilar (26.058), Filgueira (26.058) e Folgoso (50.000). Así mesmo, hai outra partida de subvención de 26.000 euros a prol da comunidade de Tomonde para melloras no seu local social,

Estes investimentos propios completaranse este mesmo ano con novas infraestruturas e servizos que serán financiados por outras administracións tras as xestións do goberno local e que se elevan a 6,6 millóns de euros. Entre os mesmos figuran o saneamento de Tenorio con 1,8 millóns de euros, a nova residencia de Cerdedo con 1,4 millóns, a urbanización e aparcadoiro público na Chan con 607.0000 euros, a mellora da estrada PO-230 Serrapio-Vichocuntín con
600.000, o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do colexio de Tenorio por 450.000, a rehabilitación das vivendas dos mestres de Cerdedo por 1,1 millóns ou a rehabilitación dos Baños de San Xusto por 687.000.

Finalmente, nos Orzamentos 2018 destaca a conxelación de impostos tras as cinco rebaixas fiscais aprobadas o pasado ano, polo que se estiman uns ingresos tributarios de 1.162.657 euros, o que permitirá manter unha das presións fiscais máis baixas de toda a provincia de Pontevedra con apenas 190,38 euros por habitante. Tamén mantense nestas contas a débeda cero, acadada no primeiro semestre do pasado exercicio.

Deja un comentario