+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

A CONCENTRACIÓN CABALAR DE PONTE CALDELAS ESPERTA GRAN EXPECTACIÓN CO ANUNCIO DO “SHOW” DE SANTI SERRA


O evento que organiza Hípica Amazonas, co patrocinio do Concello, é toda unha referencia para o mundo do cabalo

O programa da XVII Concentración Cabalar da Festa da Troita de Ponte Caldelas xa está pechado. O prato forte é a actuación do especialista en doma natural Santi Serra, gañador do concurso “Tú sí que vales”, e que alá onde vai atrae a un numerosisimo público. O evento, que se celebrará durante a última fin de semana deste mes está a suscitar un enorme interese.
A Concentración Cabalar deste 28 e 29 de abril está organizada por Hípica Amazonas co apoio do Concello de Ponte Caldelas. Nos últimos anos converteuse nunha referencia para o mundo do cabalo en Galicia e mesmo fóra. Agárdase a presencia de centos de persoas, especialmente, durante a xornada do domingo coa actuación do popular domador, cuxo espectáculo no que combina cabalos e cans é recoñecido internacionalmente.
O evento foi presentado polo alcalde, Andrés Díaz, acompañado de Loli Pereira e María Elena Agra, de Hípica Amazonas. Ambas confirmaron que as chamadas telefónicas e contactos a través das Redes Sociais están a ser incesantes, mesmo con interese de moitas persoas de fóra de Galicia.
Loli Pereira explicou que se xa o ano pasado houbo unha gran afluencia á Concentración, este ano pode mesmo triplicarse, polo que recomendou acudir con suficiente previsión para atopar aparcamento e acceder ás instalacións da Hípica Amazonas.
Andrés Díaz destacou que o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aposta claramente por este evento, pois Ponte Caldelas é terra cunha gran afección ao cabalo e a Hípica da familia Pereira é un emblema non só do municipio, senón tamén a nivel mundial, como demostran os seus múltiples premios nos concursos de Pura Raza Española e, moi especialmente, no SICAV de Sevilla.
O programa estréase o sábado coa Ruta Cabalar, un percorrido de case 18 Km polos montes de Ponte Caldelas con saída ás 16.00 horas do complexo da hípica na Insua. Todos os participantes neste roteiro recibirán bocadillo e bebida e quedan invitados á cea de tenreira ao rodicio, que é un clásico da Concentración Cabalar. Haberá mariachis, actuación de tríos musicais e a presentación formal do espectáculo de Santi Serra Camps.
O domingo comézase ás 10.30 horas cos concursos de estampa e beleza de Cabalos de Pura Raza Española (PRE) e Pura Raza Árabe (Pra). Despois do descanso para comer, ás 17.00 horas, chega o momento do espectáculo de Santi Serra Camps, que está iniciando a súa xira anual precisamente nestas datas. Trátase da primeira vez que trae a Galicia o espectáculo completo de “doma en liberdade”.
Despois do tamén xa clásico carrusel dos alumnos da Hípica Amazonas, este ano en versión máis reducida polo apretado do programa, péchase a Concentración cunha homenaxe, ás 18.00 horas, a todas as persoas que colaboraron para sufocar as lapas no “día negro” do pasado 15 de outubro, unha xornada na que as instalacións da propia hípica estiveron en serio perigo.

Deja un comentario