+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

O PROGRAMA CALDELAS VIAXA ESTREOUSE CUNHA SAÍDA DE FIN DE SEMANA A PORTUGAL


Un total de 170 persoas sumáronse a unha expedición con paradas en Viana do Castelo, Oporto, Figueira da Foz, Coimbra e Poboa de Varzim

O programa “Caldelas Viaxa” estreouse con forza en Ponte Caldelas. O operativo de dinamización social, que inclúe este ano seis excursións, comezou cunha saída de fin de semana a Portugal con tempo para coñecer Viana do Castelo, Oporto, Figueira da Foz, Coimbra e Poboa de Varzim.
O Goberno local, integrado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, desenvolve este programa dende hai tres anos co obxectivo de dinamizar a vida municipal da veciñanza, especialmente das persoas de máis idade, e os resultados non poden ser mellores. Un total de 170 persoas participaron nesta primeira actividade do ano. Como é habitual, o alcalde, Andrés Díaz, participou na viaxe.
A xornada de sábado comezou temprano coa visita á igrexa de Santa Luzia, en Viana, antes de continuar camiño cara Oporto, onde contaron coa axuda de tres guías locais. Alí gozaron da panorámica dende o barrio de Boavista para continuar polo castelo de San Francisco Xavier e a fortaleza de San Joao de Foz. Tras pasar pola catedral, estación de san Bento, a torre dos Clérigos, pazo arcebispal, ponte don Luis I e teatro San Joao houbo visita á librería máis fermosa do mundo, Lello e Irmao. Trala comida ás beiras do río Douro houbo tamén paseo en barco.
Á chegada a Figueira da Foz ofreceuse un pequeno paseo e, a continuación, aloxamento no hotel escollido. Despois da cea celebrouse unha sesión de baile.
O domingo, xa no traxecto de volta produciuse a visita a Coimbra con parada no histórico campus universitario, a catedral vella e a nova, e visita tamén pola parte baixa da cidade. A última parada xa durante a tarde para repoñer forzas cun café foi en Poboa de Varzim. A chegada a Ponte Caldelas foi xa entrada a noite, despois dunha fin de semana moi intensa.
O programa Caldelas Viaxa mantén este ano a súa política de prezo público limitado ao custo da comida en ruta e asume o resto dos gastos. Este ano, diante do éxito das anteriores edicións, limita ás inscricións previas a 5 prazas por persoa, para evitar a reserva en grupo de prazas que facía que se esgotaran moi rapidamente.
O equipo de goberno está pechando os destinos das cinco excursións restantes, aínda que anticipa que non se repetirá ningún dos xa visitados nas dúas primeiras edicións do programa. O obxectivo é seguir descubrindo lugares de Galicia mesturando pobos con encanto con lugares de alto interés natural ou paisaxístico.

Deja un comentario