+034 986 09 02 04 Martes 16 de Outubro de 2018

GAÑADORES DOS CONCURSOS DA FESTA DA TROITA


O voto popular outorga os premios dos carteis e fotografías

O voto da veciñanza de Ponte Caldelas decidiu os gañadores dos concursos de carteis e fotografías da Festa da Troita. De entre as obras preseleccionadas polo xurado, os caldeláns e caldelás escolleron o cartel que leva por título “O cuarto elemento es ti”, do que é autora Patricia Ricón Rodríguez. As tres fotografías premiadas son as tituladas “O marmurio do río” (Ángeles Boullosa Ventín), “Augas cristalinas” (Zaida Barreiro Vidal) e “Cando as troitas durmen” (Vanessa Veiga Castro).
O deseño do mellor cartel está dotado cun premio de 400 euros, mentres que as fotografías gañadoras obteñen 300, 200 e 100 euros, respectivamente. O concurso de Redacción, pola súa banda, está dotado cunha tableta electrónica para cada gañador nos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa. Os rapaces autores dos relatos gañadores, a criterio dos equipos docentes, serán anunciados nos próximos días.
A votación popular para os concursos de carteis e fotografías desenvolveuse durante a semana pasada tanto presencialmente como a través da sede electrónica do Concello. Para votar tan só era necesario estar empadroado en Ponte Caldelas e ser maior de idade.
O xurado que preseleccionou os traballos estivo presidido polo alcalde, Andrés Díaz, e contou coa presenza dos concelleiros Lito Muíños e Alfonso Gutiérrez, ademais do fotógrafo Juan Manuel Lois Bascoy.
Un ano máis, o río Verdugo, foi o protagonista temático deste concurso gráfico da Festa da Troita.

Deja un comentario