+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

NIEVES RODRÍGUEZ E FRANCISCO CASTRO TAMÉN ESGOTAN EN POUCOS MINUTOS AS PRAZAS PARA AS ‘VISITAS CRUZADAS’


En apenas tres minutos volveron esgotarse as 50 prazas para a sesión do vindeiro domingo
A última oportunidade para participar neste ciclo será o domingo 29 da man de Margarita Ledo e Xacio Baño
A terceira sesión das ‘Visitas Cruzadas’, que estará protagonizada pola actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e polo escritor, editor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro, tamén esgotou o número de prazas dispoñibles en moi poucos minutos. Concretamente foron tres os minutos que tardaron en cubrirse as 50 prazas que oferta o Museo para cada unha das sesións deste ciclo. “Tendo en conta que nas dúas sesións anteriores ocorrera practicamente o mesmo, xa podemos dicir que as Visitas Cruzadas se consolidan como a iniciativa estrela deste ano no Museo” asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, unha vez coñecido este dato.
O deputado nacionalista volveu incidir en que “este éxito se debe, dunha banda, á riqueza da colección que temos no Museo de Pontevedra e, doutra, ao gran tirón que ten a cultura galega, porque neste ciclo participan como guías persoeiros de disciplinas moi diversas, e estamos vendo que todas e todos teñen un altísimo poder de convocatoria”. “O que se necesita, polo que estamos vendo, son máis apostas pola cultura de noso e facilitar que a cidadanía poida gozar do gran talento que temos no país”, engadiu Xosé Leal.
O vindeiro luns día 23, a partires das 8:00 horas, abrirase o prazo para anotarse para a última visita do ciclo por este ano, que terá lugar o domingo 29 e contará con Margarita Ledo e Xacio Baño como guías de excepción. Coma sempre as 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana. As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Poden participar persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes.
O Museo como un libro e visión intimista da arte
Na sesión do pasado domingo, a actriz Iria Pinheiro fundamentou o seu percorrido nunha escolla de obras que analizou desde unha óptica persoal e intimista, mentres que o editor David Cortizo fiou un itinerario baseado na construción dun libro imaxinario, e no que introduciu varios xéneros literarios. Ambos guías se moveron unicamente polo terceiro andar do Museo, o dedicado á arte do século XX, e nas súas escollas estivo moi presente a arte realizada por mulleres e a perspectiva feminina e de xénero.
Iria Pinehiro comezou pola serie de seis azulexos pintados á man sobre deseños orixinais de Salvador Dalí, obra que aproveitou para facer unha reflexión sobre se a arte debe ser posta ou non ao servizo de produtos de mercado. A actriz continuou cun bodegón que Rafael Alonso realizou en 1958 por encargo para o Hotel Universal de Pontevedra, momento no que se referiu ás súas propias raíces pontevedresas, xa que a súa familia tamén tivo un hotel na cidade do Lérez. Escolleu a escultura en madeira de Uxío Souto “Galicia Nai e Señora” (1926) para compartir a súa propia idea de Galiza como “unha patria forte, resistente, e poderosa”. A través de dous óleos, “Figura nun interior” (1968) de Gabino Rey Santiago, e “O gato na cadeira de brazos” (1986) de Mª Victoria de la Fuente Alonso, detívose na idea do íntimo, da esfera persoal, e do interior, reflexionando sobre como no momento actual, a través das redes sociais, as esferas públicas e privadas se entrelazan e se expoñen cada vez máis. Iria Pinheiro puxo o broche ao seu itinerario lendo un poema de Manuel Antonio diante da obra “Escena de cabaré” (1937) de Arturo Souto, que relacionou directamente coa súa faceta profesional de cabareteira e coa exposición do corpo sobre o escenario.
Pola súa banda, David Cortizo embarcou ao público nunha viaxe que deseñou como un libro. Como portada escolleu a “Cabeza de muller negra” (1946) de Maruja Mallo, á que definiu como todo un referente de rebeldía e contraposición a unha época na que ser muller artista era aínda máis complicado que hoxe en día. Continuou coa obra de Julia Minguillón “O baño” (1945) que utilizou para establecer paralelismos cos elementos dunha novela, a través de personaxes –as dúas mulleres que aparecen na escena da obra-, o tempo narrado na escena, o tempo histórico no que foi pintado, e a simboloxía do escenario, centrándose nas fiestras abertas que aparecen no cadro en relación ao momento político que se vivía naquela época. A través da escultura “Mouro” (1965-1968) de Ascislo Manzano compuxo unha idea dramática, e partindo de que na escultura só destaca a cabeza da figura humana, ideou un paralelismo cun soliloquio intimista. Mentres, a obra abstracta de Berta Cáccamo “París tropical” (1989) serviulle para abordar unha peza poética baseada nas emocións. Rematou o libro cunha contracapa, elixindo a vista da cidade desde a terraza do terceiro andar do Sexto Edificio como un convite ao público a que siga visitando o Museo e adentrándose na súa colección.

Deja un comentario