+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA REIVINDICA O CARÁCTER TRANSFORMADOR DO LOCAL “PARA CONSTRUÍR ESPAZOS URBANOS ONDE A CIDADANÍA DESENVOLVA A SÚA VIDA EN IGUALDADE E LIBERDADE”


A presidenta da Deputación inaugurou Ludantia, a primeira bienal internacional de educación en arquitectura para a infancia e mocidade que concentrará en Pontevedra, entre maio e xuño, proxectos de ata 18 países

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron esta mañá Ludantia, a primeira bienal internacional de educación en arquitectura para a infancia e mocidade. Silva, que enxalzou esta actividade por compartir obxectivos co modelo provincial de mobilidade que se está a impulsar desde a institución provincial, reivindicou a importancia dos entes locais e o seu carácter transformador “porque a sociedade se transforma dende o local e dende o local estanse a construír espazos urbanos onde a cidadanía desenvolva a súa vida en igualdade e liberdade, con creatividade e independencia”.

“Coincido ao cen por cen cos principios e valores que están detrás desta bienal”, indicou a presidenta provincial. En primeiro lugar, Carmela Silva detallou que “o espazo urbano que se construíu no século XX e recibimos está deshumanizado xa que se concibiu centrado nos vehículos, en catro rodas, nas máquinas e non nas persoas”.

Tamén fixo fincapé a presidenta da Deputación na necesidade de centrar accións nas nenas e nos nenos. “Temos que escoitalos, temos que facelos actores primarios das transformacións urbanas, convertelos no centro da acción e consideralos axentes activos das políticas públicas”, indicou Silva. Máis polo miúdo, a presidenta destacou que “educar non é transmitir, é contar coas e cos que van recibir a formación, os coñecementos, as experiencias vitais; crear mentes activas, que teñen que dicir e din e que teñen que facer e fan, porque elas e eles van ser os dirixentes do futuro”.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para a poñer en valor o modelo de mobilidade que se está a promover desde a Deputación de Pontevedra e a situar á provincia como unha referencia en canto á recuperación do espazo público. “Apostamos por un modelo onde se recupera o espazo público e se devolve á cidadanía, pensando nas nenas e nos nenos, porque deste xeito damos tamén resposta ás necesidades dos maiores, das familias e do conxunto da sociedade”.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación explicou que a cidade de Pontevedra é “líder en fomentar o proxecto de cidade das nenas e dos nenos pero quero presumir de toda a provincia, xa que seguramente non hai provincias tan referenciais como Pontevedra que conta con 22 concellos e vilas que están a espallar este modelo, esta nova forma de concibir o espazo urbano. Concellos como Pontevedra, Catoira, As Neves, Marín, Ponteareas, Salceda de Caselas, Mondariz-Blneario, Caldas de Reis, Catoira, A Cañiza, Valga, Lalín, Arbo, Silleda, Ponte Caldelas, Tomiño, Nigrán, Cangas, A Guarda, O Grove, Cambados e Redondela.

Ludantia trátase dun evento no que participan centros educativos, profesionais da educación, artistas, organizacións gobernamentais ou municipais, organizacións sen ánimo de lucro e colectivos independentes de todo o mundo interesados na educación do mundo construído. Presentáronse á bienal ata 89 proxectos de 18 países do mundo dos cales, os seleccionados, terán un espazo propio en Pontevedra entre o 10 de maio e o 17 de xuño. Durante estes días, presentaranse en Pontevedra proxectos educativos como a mellor ferramenta posible para amosar o potencial e a capacidade de propoñer que ten a infancia e a mocidade en relación aos espazos compartidos.

Deja un comentario