+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

MEDIO AMBIENTE COLABORARÁ CO COAG NA ORGANIZACIÓN EN PONTEVEDRA DA PRIMEIRA BIENAL INTERNACIONAL PARA ACHEGAR A NENOS E MOZOS AO MUNDO DA ARQUITECTURA


A participación da consellería no evento enmárcase no chamado ‘Proxecto Terra’, unha iniciativa didáctica que leva 15 anos axudando a dar a coñecer a arquitectura e o territorio entre os escolares a través de propostas no eido educativo
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) na organización de Ludantia, a primeira Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade que se celebrará entre maio e xuño en Pontevedra co fin de dar a coñecer esta disciplina entre as novas xeracións a través de diversas actividades de carácter pedagóxico e lúdico.

O evento, que foi presentado hoxe oficialmente, enmárcase na liña de colaboración que manteñen Xunta e COAG desde hai 15 anos a través do chamado Proxecto Terra, unha iniciativa de carácter didáctico que ten como obxectivo achegar e familiarizar aos escolares galegos de Primaria e Secundaria ao mundo da arquitectura e do territorio.

Os encontros de Ludantia, organizados polo GOAG coa colaboración tamén do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra, albergarán diversas actividades lúdicas, tres exposicións e unha zona fixa chamada Expo Activa, financiada integramente pola Consellería de Medio Ambiente e que permanecerá aberta para o público en xeral e para os centros educativos interesados entre o 10 de maio e o 17 de xuño.

Este será un dos elementos esenciais de Ludantia, segundo explicou o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), José Antonio Cerdeira, xa que Expo Activa está concibida como un gran espazo de aprendizaxe e xogos de máis de 1.200 metros cadrados no que nenos de diferentes idades poderán achegarse ao mundo da arquitectura de forma libre, lúdica e totalmente interactiva.

De feito, a idea de organizar en Galicia Ludantia xorde precisamente da experiencia acadada desde a sinatura no ano 2003 do primeiro convenio do Proxecto Terra, no que o Goberno galego leva investidos xa máis de 2,3 millóns de euros.

Con ese precedente o COAG asumiu a organización desta primeira bienal de carácter internacional dirixida a menores de 18 anos, centrada no espazo público e baixo o título Habitar o espazo común desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboleiro de xogo. Así, entre outubro de 2016 e novembro de 2017 desenvolveuse a primeira fase do evento, coa realización de diversos proxectos educativos sobre o espazo público con nenos e nenas. O seguinte paso foi, a comezos deste ano, proceder a facer unha escolla entre todo o material recibido para preparar o contido das exposicións e premiar aos mellores proxectos.

Na terceira e última fase, que se corresponde coa celebración da bienal propiamente dita, terán lugar os encontros dos días 10, 11 e 12 de maio, onde se farán unha serie de conferencias con invitados internacionais, seminarios e obradoiros infantís. Polo que respecta ás exposicións, todas elas, incluída Expo Activa, permanecerán abertas ata xuño e poderán participar centros escolares, profesionais do eido educativo, artistas, organizacións gubernamentais e municipais, entidades sen ánimo de lucro e aquelas persoas ou asociacións interesadas na educación en torno ao medio construído.

Deja un comentario