+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA APOSTA POR ESPALLAR O COÑECEMENTO POR TODA A PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA POÑELO A DISPOSICIÓN DA CLASE EMPRESARIAL


A Presidenta da Deputación inaugura no viveiro de empresas de Lalín o “Cuarto Cumio Industrial 4.0” da Asociación de Empresas Metalúrxicos (ASIME)

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agradeceu hoxe á Asociación de Empresas Metalúrxicas (ASIME) a súa aposta por celebrar o “IV Cumio Industria 4.0” na localidade de Lalín, como un xeito de espallar o coñecemento por toda a provincia “para poñelo á disposición de toda a clase empresarial”. Así o fixo na inauguración deste encontro celebrado no viveiro de empresas de Lalín, no que tamén participaron o presidente de ASIME, Julio Gómez, e o alcalde, Rafael Cuiña.

Silva recordou que falar de “industria 4.0” e falar de coñecemento e intelixencia “e temos que trasladala a toda a provincia”. “ASIME aposta por Lalín –continuou a Presidenta- e temos que agradecer que está a desenvolver unha verdadeira política industrial apoiada no coñecemento poñendo a industria pontevedresa a vangarda”. Carmela Silva subliñou que as administracións deben aportar recursos e colaborar coa implantación da industria 4.0 “porque xa non estamos a falar de futuro, falamos do presente do noso tecido industrial”.

A Presidenta da Deputación recordou os tres cumios industriais anteriores celebrados por ASIME e subliñou que “nos permite estar en vangarda e poñer a disposición dos empresarios e empresarias da provincia modelos e instrumentos que xa existen pero, sobre todo, aqueles que están en desenvolvemento e investigación que nos permitan ser os primeiros na industria”.

Este cuarto cumio industrial, ao que asistiron preto dun centenar de empresarios e empresarias da comarca do Deza e que se celebrou no viveiro de empresas da Deputación en Lalín, pretendía acercar as experiencias de éxito en varias empresas da zona dezán e os principais centros tecnolóxicos da provincia que están traballando en adaptar os sistemas de fabricación da industria as novas tecnoloxías de produción. Precisamente Carmela Silva destacou que a institución provincial está a traballar para converter o viveiro de empresas “nun espazo de formación e de boas prácticas empresariais. Nun espazo que usen as empresas para favorecer as sinerxías e o coñecemento entre os empresarios e empresarias da comarca”.

A Presidenta concluíu a súa intervención agradecendo a ASIME polo seu compromiso co desenvolvemento do territorio da provincia “cunha responsabilidade social moi importante e por ser unha asociación comprometida con ser pioneiros na aplicación da innovación á industria pontevedresa”. Tamén tivo palabras de agradecemento á Asociación de Empresarios do Deza “porque sempre están dispostos e sempre podemos contar con eles para todo”.

Por último agradeceu tamén aos alcaldes de Lalín e Vila de Cruces pola súa presenza e apoio a este cumio, así como a todos os presentes polos seus relatorios e desexou que o cumio fora todo un éxito.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, agradeceu tamén a presenza da Presidenta da Deputación e a aposta feita por ASIME para levar a celebración deste cumio ate o concello dezán.

Deja un comentario