+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

RAPACES E RAPAZAS DO CEP ANTONIO MAGARIÑOS COÑECEN DE PRIMEIRA MAN O CENTRO DE COMPOSTAXE DO PLAN REVITALIZA EN CAMBADOS


Alumnas e alumnos do centro xa realizaron obradoiros e actividades sobre compostaxe promovidas pola Deputación

Os rapaces e rapazas do colexio de Antonio Magariños de Cambados puxeron fin  á súa formación sobre compostaxe dentro das actividades organizadas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza. Hoxe realizouse a visita ao centro de compostaxe comunitaria instalado na zona do Pombal, onde o mestre composteiro que se encarga de supervisar o seu funcionamento explicou como se produce o compost a partir dos restos de lixo orgánico que se xeran nas casas.

Os rapaces do CEP Magariños xa veñen participando nas actividades do Plan Revitaliza dende hai semanas, coñeceron cales son os bichos que participan no proceso de produción do fertilizante e grazas tamén aos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), e asistiron a charlas tituladas ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento lúdico ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50% do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custes de tratamento e recollida. Deses 36 concellos, 27 teñen xa implantados centros de compostaxe comunitaria, aos que os veciños poden levar os seus residuos orgánicos e obter compost para a súa horta ou plantas. Cambados conta a día de hoxe con composteiros comunitarios que están a funcionar con grande éxito.

Deja un comentario