+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ALUMNADO DO IES INDALECIO PÉREZ TIZÓN DE TUI VISITA O CENTRO DE COMPOSTAXE DO PLAN REVITALIZA NO MUNICIPIO


Rapaces e rapazas xa coñecende primeira man a compostaxe grazas aos obradoiros e actividades da Deputación

Os rapaces e rapazas da ESO do instituto Indalecio Pérez Tizón de Tui son xa expertos en compostaxe: participaron nas actividades organizadas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza e visitaron o centro de compostaxe comunitaria instalado en Tui, onde a mestra e o mestre composteiros que se encargan de supervisar o seu funcionamento explicou como se produce o compost a partir dos restos de lixo orgánico que se xeran nas casas.

Os rapaces e rapazas iniciaron os obradoiros do Plan Revitaliza da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), realizando dende hai semanas clases para coñecer cales son os bichos que participan no proceso de produción do fertilizante, e charlas tituladas ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento lúdico ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50% do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custes de tratamento e recollida. Deses 36 concellos, 27 teñen xa implantados centros de compostaxe comunitaria, aos que os veciños poden levar os seus residuos orgánicos e obter compost para a súa horta ou plantas. O concello de Tui conta a día de hoxe con composteiros comunitarios que están a funcionar con grande éxito.

Deja un comentario