+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

PONTE CALDELAS PECHA O EXERCIZO DE 2017 CUN SUPERÁVIT DE 729.000 EUROS, O MAIOR DA SÚA HISTORIA


O informe de Intervención acredita que o Concello incrementou ingresos e reduciu os gastos e que logrou executar case un 86% do Orzamento

A situación económica de Ponte Caldelas, despois de tres anos do Goberno tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) é a mellor da historia. Os indicadores que analizan as contas municipais son moi favorables e demostran que o ano 2017 pechouse cun grao de execución do Orzamento dun 85,54% e cunha clara tendencia a reducir o gasto ao tempo que se incrementan os ingresos.
O alcalde, Andrés Díaz, aprobará a liquidación do Orzamento pechado nos próximos días con vistas ao seu envío ao Ministerio de Hacienda e á dación de conta ao Pleno. Unha liquidación que acredita que Ponte Caldelas pechou o ano cun remanente de tesourería de 729.044 euros, un superávit nunca acadado e que mesmo incrementa nun 63% o récord xa alcanzado o ano pasado.
“Agora Ponte Caldelas reduce débeda baixando os impostos á veciñanza, unha tendencia claramente contraria á que había co Goberno anterior, cando se subían os impostos e se incrementaba a débeda ano tras ano”, apunta o alcalde co informe de Intervención na man. “Herdamos un concello atosigado, que pedía créditos sen parar, e despois de tres anos de seriedade nas Contas, gozamos dunha economía saneada e dunha política económica que incrementa os ingresos e controla o gasto”. Todo elo, continúa, “endereitou o rumbo das contas municipais e nos permite mirar ao futuro con optimismo”.
O informe de Intervención destaca que Ponte Caldelas aprobou un Orzamento para 2017 de 3.386.422 euros, pero tivo que modificalo varias veces por mor do crecemento nun 16% nos capítulos de Ingresos. Andrés Díaz subliña que a política de prudencia á hora de estimar os ingresos “é norma da casa” e sempre se aposta por “tirar polo baixo para que os cambios só traian boas novas”.
En sentido contrario evoluciona o Orzamento de gastos, pois o Concello foi quen de reducir as súas obrigas recoñecidas en algo máis de 30.000 euros con respecto ao ano anterior, un claro reflexo da política de control e responsabilidade cos cartos públicos.
En canto ao grao de execución, destaca que alcanzar unha porcentaxe dun 85,54% é algo moi remarcable, pois está moi por enriba do habitual noutras Administracións. Aínda máis, o informe do interventor deixa moi claro que se non é maior aínda é por causa dos ritmos de contratación e execución das obras que contan con financiamento alleo ao Concello.
Ponte Caldelas foi tamén quen de manter o gasto corrente no 52% e o gasto de persoal no 27%, porcentaxes máis que aceptables. No que atinxe ao período medio de pago aos proveedores ao longo de 2017 quedou calculado en 6,4 días, moi por debaixo dos 30 días que admite a normativa vixente sobre morosidade.

Deja un comentario