+034 986 09 02 04 Luns 21 de Setembro de 2020

A XUNTA DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN ADXUDICA AS 20.000 PRAZAS DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO 2018”


Este ano o goberno da Carmela Silva incrementou o orzamento do programa en 100.000 euros para as 32 rutas que se poñen a disposición dos veciños e veciñas da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación das prazas do programa “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou o éxito deste programa tan demandado pola cidadanía e sinalou que “para este 2018 foron adxudicadas 19.814 prazas”. As entidades beneficiarias terán ata o 31 de decembro de 2018 para desfrutar da ruta concedida.

Silva explicou que “este programa oferta 32 rutas diferentes e ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecendo alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia, e promocionando rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas”.

Para rematar, a Presidenta tamén lembrou que “a principal novidade desta edición é que para este 2018 aprobamos un orzamento de 360.000 euros, 100.000 máis o ano pasado”.

Deja un comentario