+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

O CONCELLO IMPULSA O RECOÑECEMENTO A ANTONIO FRAGUAS CO INICIO DOS ACTOS POLO 20º ANIVERSARIO DO SEU FALECEMENTO


Haberá un acto de homenaxe o martes 24 de abril no Museo do Pobo Galego para abrir esta efeméride, que culminará en novembro de 2019

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de impulsar o recoñecemento e a posta en valor do escritor, historiador e etnógrafo Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, 1905-
1999) co inicio dos actos polo 20º aniversario do seu falecemento, que se desenvolverán durante o vindeiro ano e medio ata culminar en novembro de 2019 e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Estas actividades iniciais foron dadas a coñecer en Santiago polo presidente municipal, Jorge Cubela, e o responsable de Política Lingúística, Valentín García.

“No día de hoxe, xusto despois do simbólico 19 de abril, que coincide coa data na que Antonio Fraguas pasou a ser membro numerario da Real Academia Galega en substitución de Castelao, vimos de presentar os primeiros actos da humilde pero longa programación coa que o Concello de Cerdedo-Cotobade quere poñer en valor e outorgar o máximo recoñecemento a un dos veciños máis importantes da súa historia e a un galego ilustre”, explicou Cubela, que tamén expresou a súa “máxima gratitude” á Xunta de Galicia, na persoa de Valentín García, e á Fundación Fraguas polo seu apoio no arranque desta efeméride.

A homenaxe e lembranza a Antonio Fraguas polo 20º aniversario do seu pasamento comezará o vindeiro martes, 24 de abril, cun acto que terá lugar, desde as 19.30 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego, unha entidade á que o intelectual cotobadés estivo moi vinculado, xa que foi presidente e director e adicoulle preto de corenta anos da súa vida e na que segue a estar moi presente, xa que é a sede da fundación que leva o seu nome.

Este acto, aberto a toda a cidadanía, contará coas intervencións de Jorge Cubela, Valentín García, Clodio González, biógrafo de Fraguas; Xusto Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas; e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG). “Consideramos que o respaldo dos principais persoeiros e representantes da cultura galega supón un importante pulo para comezar a nosa andaina, de máis de 500 días, de posta en valor da vida e obra de Antonio Fraguas”, debullou Cubela.

Neste contexto, Valentín García lembrou que Antonio Fraguas “é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX e a súa traxectoria supón un orgullo para as terras de Cotobade e para toda Galicia, polo que a Xunta tiña que estar ao lado do seu Concello á hora de poñer en marcha estes homenaxes polo vinte aniversario do seu pasamento”.

Este arranque do 20º aniversario complementarase coa edición dunha ampla tirada especial de dípticos informativos sobre Fraguas que está destinada principalmente a distribuirse entre toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade co dobre obxectivo de que coñeza a unha das súas figuras máis destacadas e que se reforce paseniñamente a nova identidade local tras o proceso de fusión municipal.

Finalmente, tamén se contempla o deseño e publicación dunha unidade didáctica, elaborada especificamente para este 20º aniversario, que se lle entregará aos escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Educación Primaria dos tres colexios públicos do municipio para sementar na mocidade a repercusión da traxectoria de Fraguas. Este traballo tamén estará dispoñible nas bibliotecas públicas de Carballedo, Tenorio e Cerdedo e contará cunha versión dixital para que calquera usuario a poida descargar desde a páxina web do Concello.

Deja un comentario