+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

O CONCELLO E COEMPO PACTAN O DESEÑO FINAL DA REFORMA URBANA, QUE CREARÁ MÁIS DE 260 PRAZAS DE APARCAMENTO


O alcalde agradece o apoio da veciñanza e dos comerciantes para sacar adiante o “modelo Ponte Caldelas”, a vila que invita a pasear e na que é fácil aparcar

O Concello de Ponte Caldelas e os comerciantes alcanzaron un acordo sobre as obras de reordenación urbana que se proxectan no centro urbano, que inclúen a reforma da praza de España, a creación dunhas 260 prazas de aparcamento, o cambio de sentido de dúas rúas e a ampliación das beirarrúas máis estreitas.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) culmina así un proceso de diálogo do que se encargou persoalmente o alcalde, Andrés Díaz, quen mantivo máis de 50 xuntanzas tanto individuais como colectivas con comerciantes e veciños/as durante os últimos días para explicar polo miudo un proxecto que considera moi positivo para o futuro de Ponte Caldelas.
O diálogo culminou onte cunha xuntanza coa directiva da asociación de comerciantes, Coempo, encabezada polo seu presidente, Suso Peleteiro, na que se pactou o deseño final unha vez incorporadas as suxestións recollidas. Aínda así, Coempo manterá unha xuntanza cos seus asociados e o Concello segue aberto a pequenos retoques.
“Queremos unha Ponte Caldelas máis bonita, máis acolledora, á que é fácil chegar, que invita a pasear, pero na que tamén sexa fácil aparcar”, explicou Díaz, “temos un modelo propio, que chamamos modelo Ponte Caldelas, que potencia as nosas fortalezas sen xerar ningunha debilidade”.
Partindo da idea de crear un gran espazo de convivencia entre peóns e vehículos na praza de España, as únicas rúas nas que haberá cambios de dirección con respecto á actualidade son á avenida de Vigo e á rúa do Bora Río. Na avenida de Vigo, no tramo da contorna do balneario, créase a maior bolsa de aparcamento, aproveitando que queda configurado con sentido único de saída. O tramo intermedio continuará en dobre dirección, mentres que o tramo entre a praza de España e o cruce central tendrá dirección única de entrada para dar saída aos vehículos que chegan pola rúa Marín. A rúa do Bora Río cambia a sentido de baixada para corrixir o grave problema de seguridade viaria que se producía no cruce da estrada de Laxoso.
Por outra banda, a petición dos comerciantes, a rúa de González Besada mantén a súa configuración actual en dirección dobre, o que supón renunciar ás prazas de aparcamento en batería que se creaban alí. Non obstante, o alcalde anticipou que se recuperan na nova praza entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil, onde se instalará unha rotonda ornamental coa fonte do chafarís como elemento protagonista.
A rúa de Concepción Arenal mantense, como agora, en sentido único de baixada, aínda que amplíase a beirarrúa do lado dos edificios aproveitando o espazo que se gaña ao eliminar a beirarrúa contraria, cun uso case nulo, previo reforzo do peche do parque infantil da ludoteca e a gardería. O deseño municipal mantén a creación de novas bolsas de aparcamento en batería na rúa Rosalía de Castro e no espazo central de Chan da Barcia.
Ao mesmo tempo, o Concello opta por non tramitar a limitación a 30 Km/h na avenida de Pontevedra e rúa da Ponte (eixe central da vila) porque, ao tratarse dun tramo de estrada autonómica, requiriría dunha tramitación diante da Consellería que non é proclive a este tipo de medidas na súa rede.
Na xuntanza, o alcalde fixo tamén algunhas propostas para o seu estudo e valoración por Coempo. Ao tempo, recalcou que o Goberno local está aberto a novas suxestións, pois hai coincidencia total en que Ponte Caldelas debe dar as máximas facilidades de aparcamento, como centro comercial de toda a comarca, especialmente para as áreas de Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes.
As obras da reforma urbana comezarán en setembro, tralas Festas das Dores. Na selección das empresas contratistas darase especial relevancia á redución dos prazos de execución. Díaz gabou a capacidade de diálogo de todas as partes para asumir un proxecto compartido que pretende dar un impulso novo a Ponte Caldelas.

Deja un comentario